Primeira final do Atlético Arousana, que recibe en Berdón o Erizana

La Voz

AROUSA

Comeza a conta atrás para o Extrugasa Atlético Arousana, que se quere continuar na Primeira División Nacional de fútbol feminino está obrigado a asinar un último mes de Liga casi perfecto. Polo de pronto, o pechacancelas do Grupo 2 precisa superar esta mañá como sexa no campo de Berdón (12 horas) o Erizana de Baiona, que chega a Vilagarcía oitavo na clasificación con 26 puntos, 7 máis co plantel adestrado por Plácido Cortés.

Despois de dúas semanas de parón, o técnico arousán recupera a todos os seus efectivos. Un factor que onte valoraba á hora de ser optimista ante o choque co Erizana. Paula, Mónica, Bibi e Judith son as xogadoras descartadas por Cortés, que convocou as súas futbolistas máis curtidas para un duelo a vida ou morte.

Ben organizado e coas liñas moi xuntas, o cadro de Baiona non semella ir deixarlle moitos espazos ao ataque do Atlético Arousana. En todo caso, a maior preocupación de Plácido Cortés é o seu propio equipo. Sobre todo o temor a que «a ansiedade pola necesidade de gañar nos pase factura e nos leve á precipitación», comentaba na véspera do encontro.