Os membros da xunta de persoal de Xustiza da provincia levamos semanas manifestándonos nas inmediacións dos xulgados de Vilagarcía co obxecto de conseguir da consellería do señor Rueda un compromiso en firme de que, xa que segundo eles non pode ser este ano, o vindeiro a Xunta inclúa con carácter preferente a creación do cuarto xulgado en Vilagarcía. E que, namentres, dote de máis reforzos os xulgados. Obviamente temos o apoio de todos os nosos compañeiros funcionarios, pero botamos de menos outros apoios como unha presenza moito máis forte de avogados e procuradores. Cóntanse cos dedos dunha man os que se veñen manifestar cando o que solicitamos é no seu beneficio en maior medida. Botamos tamén de menos a presenza dos xuíces, e que non nos digan que non se poden manifestar porque non hai moito fixeron unha folga. Tamén dos secretarios xudiciais; parece que teñen a menos baixar a manifestarse durante 15 minutos cos seus compañeiros. E que dicir dos fiscais; parece que isto non vai con eles. Tamén nos preguntamos onde está a xente do PP de Vilagarcía, que cando gobernaba o bipartito pedía con tanta insistencia a cuarta sala, sobre todo a deputada Marta Rodríguez, e agora que mandan os seus nin a ela nin ao señor Fole se lles ve o pelo. Pero os populares xa os coñecemos. Moito protestar co bipartito, pero cando están eles gobernando calan a boca. Xa tivemos a experiencia en Cambados, gobernando o señor Tourís, quen declinou nun pleno a creación do número 4 para Cambados, pero logo veu sacar a foto cando a súa inauguración. E que dicir do señor Fajardo de EU, ese home tan loitador que tamén brilla pola súa ausencia, así como o señor Rivera e outros que nin tan sequera se interesan polo tema. É de agradecer, en troques, a presenza do señor Castro Ratón, Victoria Hierro e Ana Lorenzo. Foi grazas á insistencia da CIG que se conseguiu o cuarto xulgado para Cambados e o aire acondicionado tamén en Vilagarcía, cuxos xulgados son os de máis carga de traballo na provincia. O vindeiro mércores, ás 11.45 horas, imos facer unha pequena marcha dende os xulgados ata o Concello onde seremos recibidos pola alcaldesa. Invitamos a todos os vilagarciáns de ben, pero sobre todo pedimos a asistencia de políticos e profesionais da Xustiza.