Resposta ao señor Rivera

Dolores García Giménez

AROUSA

Mirar ó pasado, aínda que a algún non lle interese, é un bo exercizo que todos deberiamos facer para non repetir erros ou non caer en incongruencias.

Unha incongruencia pola súa parte é a de criticar ó actual goberno local que presido e poñer o grito no ceo por non ter presentada a Conta Xeral dos exercizos 2007 e 2008, cando vostede, sendo alcalde, levou ó Pleno a Conta de 1984 en xaneiro de 1987, o que quere dicir que as dos exercizos 1985 e 1986 tampouco estaban aprobadas.

Certo é que teñen pasado 26 anos, que a memoria pode xogarnos malas pasadas a calquera de nós e facernos dicir cousas que, realmente, non foron así. Pero hai cousas que son facilmente demostrables.

Por iso non é de recibo que vostede trate de escusar aquel atraso na presentación das contas -que eu non valoro, simplemente poño de manifesto ante as súas críticas- á situación actual en que a Corporación que vostede presidía viña dunha xestión anterior do PSOE.

Señor Rivera, eso non se axusta á realidade, porque se a min non me falla a memoria, vostede gobernou o Concello de Vilagarcía durante dous mandatos, en concreto nos períodos 1983-1987 e 1987-1991. Logo, a conta do ano 1984 correspondía a un ano completo da súa xestión, igual que os sucesivos.

E tampouco procede que se refira á xestión por vostede herdada, porque ó mesmo podería recorrer quen gobernou Vilagarcía xusto despois de vostede.

Se esta primeira xustificación súa non é válida, menos aínda a segunda. Por suposto que o Concello de Vilagarcía ten na actualidade moito máis persoal e moitos más medios dos que dispoñía nos seus tempos. E iso é froito do moito que medrou Vilagarcía en tódolos sentidos durante os mandatos dos gobernos que lle sucederon, señor Rivera.

Neses anos o desenvolvemento económico, urbanístico e social foi tremendo. Vilagarcía converteuse nun municipio atractivo para vivir, e a poboación, acompañada polo incremento de infraestruturas e servizos de todo tipo, medrou, creando á súa vez novas demandas e necesidades que o Concello atendeu mediante a prestación de máis servizos, programas e actividades, e a través da creación de novas infraestruturas sociais, deportivas, culturais e de espallamento.

Somos a oitava cidade de Galicia, non só por número de habitantes, tamén por número e calidade de servizos, e iso conleva unha maior complexidade na estrutura e organización da propia administración local para poder atender ás necesidades dos veciños e prestar os numerosos servizos cos que contamos. Logo, somos máis, pero tamén as funcións e o traballo se multiplicaron exponencialmente respecto ás que tiña o Concello na década dos 80.

Por non falar dos orzamentos, xa que das 472.190.000 pesetas do ano 1984 (por certo, cunha carga financeira recoñecida do 16,67%) chegamos en 2009 ós 5.000 millóns de pesetas (30 millóns de euros). É dicir, que os orzamentos municipais se multiplicaron por dez dende a súa etapa ata a miña. Unha contabilidade máis traballosa, ¿verdade? Por non dicir a súa xestión e tamén todo o que conleva o procedemento administrativo ó respecto. Así que, desmontado tamén este argumento.

Todos estes datos son públicos e están a súa disposición no Arquivo Municipal (situado na quinta planta do Concello, señor Rivera). O único que comparto con vostede de todo o que di na súa tribuna e o último parágrafo, ó que só me vou a permitir cambiarlle o destinatario: «Considero que las diferencias son bastante sensibles, ¿verdad, señor Rivera? Podría decirle otras muchas cosas pero, sinceramente, no vale la pena».