Pobre educación pública

AROUSA

Ademais de constituír un dos piares básicos do Estado do Benestar, a educación pública é o factor que contribúe en meirande medida a xerar cohesión social. É a mellor vía, se cadra a única verdadeiramente efectiva, para estreitar as diferenzas de clase que, queiran algúns que non, continúan persistindo baixo múltiples disfraces. É o servizo que garante unha igualdade real de oportunidades entre os diferentes membros dunha comunidade. Esta importancia nuclear debería xerar entre os nosos políticos un respecto case relixioso. Porén, un non atopa máis que miseria, estupidez e xenreira na planificación educativa, no canto de acordos unánimes entre as forzas que teoricamente nos representan neses teatrillos chamados parlamentos. No que a Galicia atinxe sorprende que se demostre moito máis interese en consultar aos pais para montar un sarillo sobre unha obriga moral e estatutaria ineludible -como é garantir a competencia dos alumnos nas dúas linguas oficiais do país- que en informarlles das razóns polas que se destitúe a dirección democraticamente elixida do meirande colexio público de Vilagarcía. A metade de curso e sen explicar nada de nada. Será que iso, aos pais, non debe importarlles.