Abuelo Luis

Benito Leiro

AROUSA

07 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ter avós na casa é un tesouro. Os nosos vellos son moi sabedores. Achégannos ecos doutros tempos, doutros costumes e doutras vidas vividas. Abuelo Luis tiña unha memoria enciclopédica dos seus tempos idos. A esencia das súas conversas ancorábase no pasado. Adoitaba iniciar as conversas ou monólogos cunha verba moi significativa: «Daquela...» E relataba vivencias moi enxundiosas sobre o boom do cine en Cambados, sobre a panadería de Anita -a súa nai-, sobre a vellez de don Ramón Cabanillas, sobre os comezos da Festa do Albariño, ou sobre visitantes ilustres como o rei Abdullah de Jordania, o xeneral De Gaulle ou o presidente Perón. Recordaba as aventuras de repartir o pan en carrillo de cabalo ou en bicicleta por Castrelo adiante, e como foi variando a moeda oficial dende os vellos realitos, os patacóns, os pesos de plata, a peseta, o euro? Abuelo Luis foi porteiro do Cambados nos anos 40 e 50 e agora estaba orgulloso de que o seu neto Diego tamén xogase de gardameta nos alevíns do Juventud. Ás veces, vendo un partido, laiábase de que «os porteiros de agora non saben agarrar o balón: despéxano ó chou», denunciaba. Abuelo Luis era unha testemuña importante para lembrar o Cambados do século XX, e gardaba como ouro en pano fotos antigas que nunca chegou a clasificar. El sabía, antes de que o escribira Jorge Luis Borges, que «a todos, sempre nos tocou vivir tempos difíciles». En memoria de Luis Costa López (1931-2010)