En 1956 inaugurouse o cruce peonil da actual praza de Galicia. A xente daquela xa estaba brava e ía ao seu aire
12 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A non sempre froitífera relación entre Vilagarcía e os pasos de peóns iniciouse un xoves, 12 de xullo de 1956. Foi entón cando se inaugurou o primeiro cruce peonil da capital arousá, localizado na praza de Calvo Sotelo (actual praza de Galicia). Se ben a medida tiña carácter permanente, a súa obrigatoriedade esgotábase cada día, no momento en que a garda municipal remataba o seu servizo. É dicir, a partir das dez da noite o persoal podía volver cruzar por onde lle petase. A prensa da época, consciente da novidade e da resistencia da xente a mudar de costumes, facía un chamamento aberto: «Se encarece al público cumpla con este deber cívico en su propio beneficio», escribía un redactor en El Pueblo Gallego .
A cousa non debeu de ir nin tan mal cando, no xornal do día seguinte, outro artigo subliñaba o bo comportamento da cidadanía con respecto ao código da circulación. «Ayuda mucho al cumplimiento del mismo otra buena disposición, y es el marcaje con pintura muy adhesiva y especial para estos menesteres del suelo, indicando la franja por donde las personas deben cruzar». «Ahora -engadía o xornalista, que evidentemente non tiña moita experiencia neste particular- tengamos estas líneas siempre relucientes y procúrese renovarlas».
Logo de reflexionar sobre a necesidade de controlar a velocidade de automóbiles e motocicletas, cruce ou non alguén a rúa, o noso home avogaba finalmente por «colocar bien sea indicadores o rayas en el suelo entre la esquina de la acera de la librería del señor Buceta y la que corresponde al Teatro Arosa». A referencia aos excesos ao volante pode semellar inocente hai 53 anos, cando os 100 quilómetros por hora eran pouco menos ca unha barreira mítica, mais xa daquela había problemas.
Na mesma semana na que se inauguraba o primeiro paso de peóns de Vilagarcía, un rapaz perdía a vida en Ferrazo. «Marchaba para Cambados el joven propietario del establecimiento de aquella villa denominado Pampa Mía, conocido por Elisucho, a cuya localidad se dirigía por la avenida del puerto, debido tal vez a exceso de veolocidad no pudo doblar la curva existente en el arranque de la escollera de Ferrazo y la finca de Obras del Puerto, por lo cual salió despedido de la máquina, cayendo con tremenda violencia sobre unas peñas». Medio século despois, a curva segue a meter medo.