Algo máis de 300 persoas achegáronse onte ao pavillón municipal de Vilanova para presenciar a velada de boxeo, kickboxing e full contact coa que o Club Boxeo Arousa se presentou en sociedade.
Con media hora de retraso arrincou a xornada de exhibición, que ao peche desta edición entraba no ecuador das tres horas de intenso programa preparado polo promotor, presidente e adestrador do club vilanovés, Jonhy Hermida.
O boxeo, o deporte de refencia das dúas ducias de socios do C.B. Arousa, abríu a velada, dando paso a unha coreografía musical sobre a base do kickboxing a cargo dun grupo de nenos de Arcade. Esta modalidade foi a seguinte en entrar en escea no pavillón de Vilanova.
Os combates de boxeo, kickboxing e full contact sucedéronse entre exhibicións de capoeira e de karate, protagonizadas respectivamente por un grupo brasileiro de Santiago e polo club Kenpo de Vilagarcía.
As previsións da organización eran pechar o evento co combate entre o subcampión de España de boxeo en 64 quilogramos, o zaragozán Eloy Iglesias, e mais o portugués Mauro Iraquiano. Anteriormente estaba prevista a participación de tres boxeadores do club Isco de Vigo e doutros tantos procedentes dun ximnasio de Asturias.
Con este acto Jonhy Hermida e os socios do Club Boxeo Arousa pretenden iniciar a súa particular campaña de promoción dun deporte olímpico que, lamenta o presidente da entidade vilanovesa, conta con mala imaxe pública ao colocárselle a etiqueta de violento.