A utilidade da solidariedade

AROUSA

A muller, en Cabo Verde, traballa pero non posúe nada. Un plano apoiado por Vilagarcía trata de mudar as cousas

14 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Normalmente o cidadán ignora o emprego que as Administracións lles dan aos cartos públicos. Por iso é de agradecer que, aínda que con respecto a un episodio economicamente modesto, o Concello de Vilagarcía explique que é o que se fai cunha das partidas que anualmente figuran nos seus orzamentos.

A concelleira de Igualdade e Benestar, Ana Lorenzo, exerceu onte de anfitrioa de Vera Almeida, alcaldesa de Paul, e de Glória da Silva, responsable de Igualdade de Praia, dúas cidades de Cabo Verde nas que se están a desenvolver dous planos que procuran o fomento dun equilibrio entre o home e a muller en todos os niveis da vida pública e doméstica. Ravella apoiou a súa posta en marcha cunha achega de 6.000 euros que xestionou o Fondo Galego de Cooperación.

Se cada a importancia da igualdade pode semellar un tanto abstracta nunha sociedade occidental medianamente avanzada. Mais os datos aportados polas munícipes caboverdianas outorgan a calquera esforzo neste eido unha importancia moi concreta. Abonda con pensar, por exemplo, no concello de Paul. Ten á súa fronte a unha muller, pero isto en absoluto significa que exista un equilibrio entre sexos á hora de abordar calquera faceta da vida cotiá. Como exemplo único dentro de Cabo Verde, neste municipio habitado por 8.300 almas o número de mulleres é menor có de homes. A razón é sinxela: nun territorio eminentemente agrario, son eles quen posúen as terras e quen, polo tanto, fican traballándoas mentres elas se ven obrigadas a emigrar na procura de recursos.

Malia esta situación, a muller é a cabeza de familia no 54% dos grupos familiares existentes no municipio. A pregunta da rexedora é absolutamente lexítima: «¿Onde están os homes de Paul? ¿que fan se non se responsabilizan das súas familias?».

Praia, entrementres, é a capital do arquipélago caboverdiano. Dispón dunha rede de asociacións numerosa e activa, composta por unha trintena de colectivos nos que as mulleres son maioría. En todos os eidos agás nos seus equipos directivos, copados polos homes. No 45% das familias, a cabeza son tamén mulleres. O seu nivel de formación é, en xeral, baixo, e traballan en empregos que, como o comercio informal ou a limpeza, están mal pagados. Dedican moito do seu tempo a procurar auga e coidar dos seus. A conclusión é evidente: queda moito por facer e moito que apoiar.