Os arqueólogos descobren que a ocupación do castro de Vilagarcía é anterior aínda ao que se pensaba ata agora
08 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Os traballos arqueolóxicos que dende o 2001 se desenvolven no castro de Alobre continúan a deparar sorpresas encol do asentamento primixenio en torno ao que foi medrando Vilagarcía. Así, a quinta das campañas realizadas, que vén de rematar, ofrece o descubrimento notable: os restos dunha edificación circular que data dunha etapa previa ás documentadas ata o momento. Por outra banda, os traballos demostran que os restos do forno romano descubertos na anterior xeira corresponden a unha telleira de tipo industrial.
Os achádegos, en definitiva, céntranse en tres capítulos. Por unha banda o equipo, formado por cinco arqueólogos, unha restauradora, dous auxiliares de arqueoloxía e un topógrafo, permitiu afondar no coñecemento do forno citado. A súa caracterización como industrial vén dada pola complexidade atopada nel, con dependencias achegadas a ambos lados da cámara de calor. A súa construción fixo necesaria unha acomodación topográfica deste sector sobre unha zona xa anteriormente habitada na aba do Montiño, se ben xa marxinal e case abandonada no momento en que se desenvolveu a telleira.
Foi, precisamente, a escavación no interior deste edificio o que conduciu a testemuñar a existencia dunha fase más antiga de ocupación do castro, non identificada nas anteriores campañas. Efectivamente, exhumouse parcialmente unha construción de tipo circular, que se debe situar nun período cronolóxico anterior a outras xa presentes na área.
Os labores en si centráronse na ampliación da área escavada anteriormente, ata acadar os 100 metros cadrados de superficie. Os obxectivos consistían en completar o coñecemento das estruturas xa descubertas parcialmente, especialmente no que se refire ao edificio do forno romano mencionado, que, como se comprobou, érguese sobre construcións de planta circular preexistentes, propias das fases anteriores do asentamento de Alobre, de carácter castrexo.
Gran actividade comercial
Mais a ampliación do espazo escavado deu tamén como resultado o descubrimento, igualmente parcial, dunha nova estrutura de planta circular que, coma no caso dalgunhas xa coñecidas, contiña no seu interior un potente cuncheiro.
Todos estes datos reafirman a riqueza arqueolóxica do castro, con polo menos tres momentos distintos de ocupación entre os séculos II a. C. e II d. C. Os materiais atopados na última fase, case 3.000 pezas, varias delas de orixe púnica e romana, sinalan una actividade comercial intensa.