A axenda de amigables ofrece esta noite dúas propostas para os que teñan mono de fútbol afeccionado na bisbarra. A primeira, no campo do Vilanova, onde o equipo local recibirá o novo Arousa de Ricardo Fernández. A cita vilanovesa comezará ás nove, e servirálle ao técnico arlequinado para seguir acoplando un plantel que moi pouco ten que ver co da pasada campaña. Ducia e media de efectivos tras a contratación nos últimos días do interior vigués Fon, do ex mediapunta do Tomiño Pablo, e do dianteiro Zaca. Os dous primeiros, con ampla experiencia na Preferente, categoría á que se terá que adaptar o Arousa canto antes. Ricardo Fernández salientaba onte a importancia da chegada das últimas fichaxes, xa que «temos un plantel moi novo», e os novos reforzos «veñen a sumar experiencia». E veteranía agarda tamén atopar o adestrador do Arousa nas dúas fichaxes coas que, confía, se consiga pechar o plantel da Lomba. Un dianteiro e un lateral esquerdo. A segunda proposta desta noite comeza ás nove e media, e enfronta a Ribadumia e Faxilde no campo do primeiro. O conxunto de Santiago Serantes disputará o que será o seu oitavo amigable da pretempada, co Torneo Concello de Ribadumia agardando esta fin de semana. O sábado, na Bouza de Barrantes, loitará co Cambados por un posto na final do domingo, fronte ao Umia.