A Igrexa contra Mr. Walpole

AROUSA

Na Vilagarcía de 1878 os párrocos negaban a comunión a quen levase os fillos á escola do mestre protestante

16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O público acostuma a asociar termos como fundamentalismo ou extremismo relixioso ao Islam. Mais o desexo de lle impor aos demais unha determinada visión do transcendente e, o que é peor, de como ten que vivir cada un a súa vida, é tentación que comparten case todos os credos coñecidos e organizados.

Remexendo no faiado, a memoria descobre que Vilagarcía tivo a súa propia guerra de conciencia. Que ninguén se alarme. Non se trata da Guerra Civil. Esta viaxe da lembranza vai un chisco máis aló, concretamente a 1878, coa terceira guerra carlista aínda fumegando e dous partidos repartíndose o poder na triste alternancia entre conservadores e liberais que deu en coñecerse como Restauración. Ben, o caso é que na capital arousá levaba daquela tres ou catro anos establecido un mestre inglés de nome Míster Walpole. O noso home dirixía un establecemento de instrución no que se impartía a primeira ensinanza, o estudo da lingua inglesa e da contabilidade mercantil. Mesmo de Carril e Vilaxoán chegaban os pícaros a aprender na escola de sir Walpole cando algo interrompeu o normal transcorrer dos días.

¿Que foi? O Diario de Santiago do 20 de maio de 1878 dá a resposta: «Cual si obedeciese a misteriosa consigna, comenzó a propalarse en determinados círculos que el nuevo maestro era infatigable propagandista de la religión reformada». Intolerable, nefando. As «elevadísimas autoridades eclesiásticas» cursaron entón instrucións aos seus párrocos, que armados de xustísima indignación «fulminaron anatemas contra el profesor y los padres que mandaban sus hijos al colegio». Os cregos percorreron as casas dos descridos vilagarciáns, «amenazándoles con la denegación de los Santos Sacramentos». E ata contrataron un mestre «eminentemente católico» para contrarrestar tan maligna influenza. Ata que a un deles se lle ocorreu «denegar la comunión al primer padre de familia y el conflicto surgió con aspecto imponente».