Dous campionatos de España de bateis son unha recompensa, se cadra, inesperada para o Club de Remo Vilaxoán. Inesperada pero menos para o presidente. Feliciano Suárez di que dende que comezaron a adestrar xa se podía ver que os rapaces tiñan un importante potencial e está sorprendido polos valores humanos dos nenos.
-¿Sorprendeulle o resultado?
-Cando comezou a temporada xa vimos o potencial dos equipos e no territorial se clasificaron con solvencia. O primeiro obxectivo era o campionato galego, que gañamos, e en Santander xa estaba convencido de que seríamos do melloriño. Nas clasificacións xa pensabamos que todo era posible, a pena foi o das rapaciñas, que penso que reman ao nivel das campionas.
-Agora veñen as traineriñas, ¿que espera?
-Si. Comezamos mañá. Teño esperanzas no equipo xuvenil.
-¿E a traíña?
-O ano pasado foi o inicio. Este ano daremos un salto de calidade importante, porque viñeron compoñentes novos e levan adestrando dende hai moitos meses. Temos traíña polo menos para estar na metade da táboa.
-Estará satisfeito tamén pola resposta dos seareiros.
-A xente responde porque ve que traballamos. É verdade que a xente está ilusionada e que os rapaces se achegan ao club para preguntar.
-E o dos chalecos, ¿como vai?
-(Risas). Iso está arranxado.