«Moitos proxectos para O Grove estarían en grave risco se o PSOE non gobernase; o PP non foi quen»

AROUSA

Mar Mascato formou parte, hai dous anos, da candidatura que levou a Cacabelos á alcaldía de O Grove. Agora integra a dos socialistas pontevedreses para que Pérez Touriño sexa de novo presidente.

-¿Por que no PSOE?

-Polos seus valores moi claros, en especial a defensa da igualdade e pola aposta por políticas de calado social, demostradas con feitos tanto por Felipe González como por Rodríguez Zapatero e en Galicia polo presidente Touriño, fronte a outras aventuras que disfrazan as verdadeiras finalidades que pretenden. Estou no PSdeG-PSOE polo S , polo O e polo G das súas siglas.

-¿Como está resultando esta campaña?

-Creo que hai factores alleos que non permiten discutir e propoñer con claridade os proxectos. A actitude do PP, primeiro coa cuestión das espías e agora coa teima de non respectar a Xustiza coma poder independente, está a emborrallar a campaña. Estou segura de que os votantes serán reflexivos e saberán cal é a posición de cada un, quen defende os intereses da cidadanía e quen confunde estes cos seus intereses propios.

-¿Pero cre que realmente se dirixe ao electorado ou preferentemente á militancia?

-A campaña seguramente é o último acto do que se fixo nos catro anos anteriores. Creo que o PSOE está a chegar a sectores alleos á militancia cun proxecto claro de continuidade con futuro para Galicia.

-As enquisas, apertadas.

-Estou segura de que os resultados van reflectir o traballo ben feito e, sobre todo, o labor do presidente da Xunta nestes catro anos nos que representou un símbolo de estabilidade, de ecuanimidade e de modernidade, que xa facía demasiada falta en Galicia. Creo que o PSdeG-PSOE vai subir e poderá conformar un goberno cómodo.

-¿Que é o que máis valora do Goberno estes catro anos?

-Algo que puidera non parecer importante, pero é altamente significativo: a proximidade do presidente Touriño aos cidadáns. Iso significa que é sensible e consciente, e que ten como seus os problemas da xente.

-¿E o que menos?

-A existencia de sectores económicos e sociais impenetrables ao impulso de modernidade que representou o PSdeG-PSOE. Hai moitos proxectos para O Grove que estarían en grave risco se non gobernamos, necesidades que o PP non foi quen de facernos chegar en 16 anos.