O mar que corre polas veas

AROUSA

Cando era pequena, María José non quería nin oir falar de traballar no mar. Pero á volta dos anos decidiu seguir os pasos da súa nai pola area mollada

01 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Dolores Domínguez chámanlle Lola A Rodiña . Non é raro que teña un nome de guerra: ao longo da súa vida librou moitas batallas para defender os interesas das mariscadoras de Cambados. Curtida pola vida, experta en gañar a pulso todo o que ten, licenciada en coraxe, esta muller non se anda con remilgos e espeta con claridade: «O de agora non é ir á seca, o de agora non é traballar. A xente vai moi contentiña para O Sarrido, ben abrigadiñas, e veñen como bailarinas co peso na cabeza». Dende o outro lado da mesa de comedor que as separa, María José Cacabelos, a súa filla, asente coa cabeza. Para ela ir á seca si é un traballo, o seu traballo. Pero, afortunadamente, a actividade na praia mudou moito. «O marisqueo antes era unha escravitude. Non había nin sábados, nin domingos, nin familia, nin nada».

Nai e filla comparten profesión. Pero comparten algo máis importante: o carácter. Lola A Rodiña coñeceu tempos duros nos que non era fácil dar a cara por ningunha causa, nin sequera pola máis xusta. Cando nos anos setenta intentouse converter o banco marisqueiro do Sarrido nunha secuencia de parques particulares, esta muller venceu todos os medos que puidera ter e liderou un movemento de oposición que acabou por salvar o banco marisqueiro. «Era o que tiñamos», sentencia esta muller de 74 anos botando a vista atrás. E como era o que había, non quedou outra que desafiar insultos e medos. «Eu pensaba nos meus fillos, en que lles tiña que dar un porvir, e non me importaba nada. Eu o que quería era liberar O Sarrido para que os nosos fillos tivesen onde traballar, e para que nós tivésemos onde gañar un anaco de pan e darlles unha escuela que nós non puidemos levar», conta agora.

Orgullo de loitar polo xusto

Malia que xa coñece ben esa historia, María José escoita atentamente á súa nai. «Eu, daquela, dicíalle á miña nai que por que tiña que andar metida en toda esa lea», conta nun aparte da conversa. Agora, coa perspectiva dos anos, o orgullo por todo o feito pola súa proxenitora sáelle pola boca e polos ollos. Pola loita polo Sarrido, si, pero tamén pola batalla contra as empresas areeiras que ameazaron con acabar coa riqueza marisqueira desa zona. Polo primeiro intento por ordenar o traballo das mulleres cambadesas establecendo un punto de control. Orgullo, a fin de contas, por terlle inculcado desde pequena que hai que ser independente e que hai que loitar polo que é xusto. Unha lección que ela aprendeu ben. «Agora son os meus fillos os que me din a min por que teño que andar metida sempre en cousas», conta. «Levámolo no sangue», interrómpea a súa nai. «O defunto do meu bisavó xa defendía os mariñeiros cando había problemas no mar. Despois foi o meu pai, Eugenio Domínguez, que foi patrón maior. Levárono preso, e eu que era unha meniña ía ao cárcere levarlle o caldo. Non había máis», conta Lola.

O sangue reivindicativo pasou de xeración en xeración, amoldándose aos tempos e as circunstancias. A nai resístese a ver os touros dende a barreira. «As pernas xa non me deixan facer moito, pero aínda así, cando hai un problema no pobo, gústame ir alá. Cando menos fago vulto», conta.

María José, que logo de moitos anos renegando da seca descubriu a súa devoción polo mar, viviu unha nova revolución do sector: o momento no que as mariscadoras decidiron presumir de ser como son, do seu traballo e da súa forma de vida. Ela foi das que puxo en marcha o proxecto de turismo mariñeiro Guimatur. E cando as súas obrigas como nai pasaron a un segundo plano, non tivo problemas en dar un paso adiante e presentarse ás eleccións municipais na lista do Bloque. As dúas mulleres pegan as súas caras cando posan para a foto no Sarrido. O sal do seu sangue.