A lingua ponse en marcha

AROUSA

Preto dun milleiro de rapaces de toda a comarca xuntaranse mañá en Vilagarcía para correr polo galego

07 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Como cada ano, antes de que chegue o Día das Letras Galegas, os estudantes galegos saen á rúa nunha particular carreira pola lingua á que se lle deu en chamar Correlingua. Estes actos, que se organizan desde hoxe ata o día 16 nas grandes cidades galegas e nalgunhas cabeceiras de comarca, chegarán mañá xoves a Vilagarcía.

O responsable da súa organización para a comarca do Salnés, Xabier Rodríguez, explicaba onte as novidades que terán os actos deste ano en Vilagarcía. Que serán, por certo, varias. A primeira é que ata o de agora a carreira facíase de xeito itinerante por todos os concellos da comarca. Sen embargo, «o ano pasado recuncamos en Vilagarcía e, dado o éxito e as condicións que nos ofrece Vilagarcía, tomamos a decisión de que teña un carácter estable nesta cidade».

Pero non será a única novidade. Antes só participaban nesta cita estudantes de Secundaria, pero a partir de agora, a carreira estará aberta ao alumnado de todos os ciclos educativos. De feito, participarán nenos do colexio Piñeiriño e do San Bartolomé de Tremoedo, ademais de repetir o Centro de Educación Especial de Vilagarcía. En total serán catorce centros os que se sumen a esta xornada a prol da lingua, na que participarán arredor de mil rapaces.

Os estudantes concentraranse no parque Miguel Hernández ás once da mañá. Alí daráselles a benvida aos participantes e prepararase todo para o inicio da carreira. Sobre as once e media sairá o percorrido en dúas quendas, unha para Primaria e outra para Secundaria.

O percorrido alongouse un pouco con respecto ao do ano pasado, de tal maneira que partirá do parque Miguel Hernández, preto do edificio do Consello Regulador do Mexillón, cruzarase cara á zona lúdica e tomarase rumbo cara ao paseo marítimo. O traxecto discorrerá por alí ata o inicio do núcleo de Carril, onde darán volta ata o punto inicial. En total, catro quilómetros de deporte pola lingua.

Iso no caso dos maiores, porque para os pequenos decidiuse acurtar un pouco esa distancia. A súa ruta chegara só ata o balneario da Compostela.

Unha vez que todos estean de regreso, sobre as doce e cuarto da mañá, terá lugar o acto central do Correlingua, no que actuarán o Xabarín Club da TVG e o grupo de teatro Chévere. Despois destas actuacións lerase o manifesto, elixido nun concurso que convocou a organización desta proba en todos os centros educativos galegos.

Despois de que se lles entreguen agasallos a todos os participantes, os rapaces volverán aos seus colexios ou domicilios.

Na presentación destas actividades acompañaron onte a Xabier Rodríguez os concelleiros de Cultura e Educación de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón e Susana Camiño, que destacaron a orixinalidade e o valor desta iniciativa coma un instrumento para fomentar o uso do galego a través da música, a arte ou o deporte. Ámbolos dous comprometeron, ademais, o apoio do Concello de Vilagarcía neste tipo de accións educativas.