A Rede Galega programa dez espectáculos en Vilagarcía no próximo trimestre

La Voz

AROUSA

A colaboración entre o Concello de Vilagarcía e o Igaem propiciará a intensificación da oferta cultural no municipio nos próximos tres meses. Dentro do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, desde o 29 de febreiro e ata o 30 de maio, levaranse a cabo un total de dez representacións para o público adulto e infantil.

A programación teatral abrirase o 29 de febreiro con As últimas lúas , da compañía Lagarta Lagarta. O día 14 de marzo será Teatro do Atlántico quen represente A bombilla máxica . E o 26 de abril, Pistacatro interpretará a obra Kamikaze . Os monicreques regresarán o 21 de maio con Títeres Trompicallo e a súa obra Bolboreta . Dous días despois Bengala Produccións contará, sobre o escenario, a Historia dun soldado . Este ciclo rematará o 30 de maio coa montaxe Non é tan fácil , da compañía Malasombra.

Ademais destas representacións teatrais desenvolverase tamén unha semana dedicada á maxia, que inclúe catro espectáculos. O primeiro será o que levará a cabo Creacións Máxicas, baixo o título Armas baixo control , o 4 de abril. Seguiralle o mago Teto coas súas Tolemaxias , o 11 do mesmo mes, e o 12 Chrystian Magic, con Viaxe Máxico . Pechará a semana, o 13 de abril, Luis Boyano co espectáculo Todo corazón .

Estas dez actuacións enmárcanse no convenio firmado entre o Concello e o Igaem para o primeiro semestre do ano, que ten un orzamento de 60.262 euros.