«En lugar de describir a realidade, mostro unha versión que non existe»

Sara R. González

AROUSA

O pintor Eduardo Baamonde expón desde o día 8 as súas obras na galería Arcana de Vilagarcía, nunha colección titulada Epicromías. A mostra estará ata o 10 de marzo, de luns a sábado en horario de 17.00 a 20.00 horas. A súa obra defínese polo estilo fantasioso dos seus trazos.

-¿Que significa para vostede a palabra «Epicromías», título desta última exposición?

-É un termo que emprego para identificar unha serie de cadros nos que creo unha escenografía onde a luz, a cor e os elementos orixinados da fantasía son os protagonistas. A simple vista pode parecer un bodegón, pero en realidade son obxectos froito da miña invención onde a cor é a ferramenta, o camiño, o leitmotiv.

-¿Posúe algún referente pictórico como o surrealista á hora de inspirar as súas ilustracións?

-A palabra fantasía asóciase sempre co mundo onírico. Acepto que hai elementos surrealistas na miña obra. A min gústanme máis as palabras ilusión e maxia. En lugar de describir a realidade tal e como é, mostro unha versión que non existe.

-¿Considera as súas ilustracións de temática infantil?

-Si, a primeira vista. A arte pop tamén tiña aparencia de publicidade, e non o era. En todas as miñas obras hai un compromiso ideolóxico, icónico e plástico. Trato de que o espectador se faga preguntas. En definitiva, que non se fíe das aparencias das miñas obras, porque enganan.