O Fontecarmoa bota a andar na División de Honra

La Voz

AROUSA

O troco de ano trae unha vez máis o inicio das Ligas Galegas de Xadrez, que esta sábado botan a andar coa feliz novidade da primeira participación do Fontecarmoa Casa da Xuventude na División de Honra, a máxima categoría autonómica.

O conxunto vilagarcián mantén practicamente o mesmo bloque co que hai uns meses acadaba o seu brillante ascenso. José López Senra, cuarto taboleiro, é a única incorporación a un plantel encabezado por Julio Torrado, que se atopa a un paso de converterse en Mestre FIDE. Unha condición da que xa disfruta o segundo taboleiro do equipo, Antonio Rodríguez. Manuel Conde, o veterán Domingos Merino e Jorge Saborido serán o terceiro, quinto e sextos taboleiros do Fontecarmoa Casa da Xuventude. O obxectivo, manter a categoría. O Marcote A, campión da División de Honra nos últimos anos e favorito a repetir título, será o sábado o primeiro rival do conxunto vilagarcián.

Ademais, o Club Xadrez Fontecarmoa presenta outros dez planteis nas catro categorías nas que se dividen as Ligas Galegas. En total, 102 xogadores de cinco anos para arriba, a cuarta parte deles féminas.

Na Segunda División, o club arousán conta co Fontecarmoa-Baños Print no Grupo B, co A Marina no C e co McDonalds no D. Os tres aspiran a unha tempada tranquila. No caso do McDonalds, coas máis firmes promesas do Fontecarmoa cubrindo outro ano na súa etapa de formación: Diego Cascallar, Christian Abal, Luis Segura, Andrés Varela e Lucas Abal.

Na Terceira División, o Fontecarmoa dispón de catro equipos, dous no Grupo H, o Valdumia e mais o Glasslimp, e outros tantos no I, o Rodas e o A Pedra. En ambos casos, uns e outros enfrontaránse entre si na primeira xornada ligueira.

Por último, na Cuarta División, o Fontecarmoa CaixaGalicia, o Arousa e o Caixanova aglutinan aos xogadores máis novos do club. No caso do Arousa, a unha ducia de xogadoras, que o sábado xogarán co CaixaGalicia.