Venres á tarde; non hai moita xente no Concello. A alcaldesa é unha das poucas. «Traballamos dende o primeiro día», afirma
23 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Chegou ao cargo sen pretendelo, pero superado o primeiro impacto Dolores García asegura sentirse con «moitas gañas» e fai un balance positivo duns cen días que, en Vilagarcía, non o son tanto.
-¿Como valora este primeiro tramo de goberno?
-Ben, o primeiro sería aclarar que dende a miña toma de posesión aínda non transcorreron eses cen días, pero iso é o de menos. O que importa é que neste Concello estase a traballar dende o primeiro día.
-Ben, ¿que proxectos destacaría entón de entre os que teñen xa acometido?
-Das mellores cousas é sen dúbida o impulso que nos comprometemos a dar á recuperación de Cortegada e a Xunta cumpriu con tanta axilidade que xa é unha realidade certa. Os novos comedores escolares funcionan e, en colaboración coas consellerías de Educación e Cultura, estamos deseñando unha programación de actividades para nenos, habilidades sociais, bos hábitos para comer e prácticas deportivas que contribuirán á conciliación da vida laboral e familiar. Somos a terceira cidade na que se porá en marcha. Son moitas cousas. Malia todo, a ampliación da gardería, a impulsión das áreas de rehabilitación, a aprobación do orzamento. E moi especialmente a ampliación do horario de atención ao público. Non sei como se verá dende fóra, pero para nós é fundamental esa proximidade que pretendemos aos cidadáns. Aló onde hai un problema, procuramos estar con eles, en A Laxe, en Cea, en Castroagudín. Estamos completamente receptivos, outra cousa é que teñamos que atender as peticións da xente na medida que poidamos.
-Hai, con todo, cousas que quedaron no tinteiro,
-Un dos nosos obxectivos foi recuperar ese pequeno parón inicial inmediatamente. Nós temos gañas inmensas de traballar en beneficio de todos os cidadáns, coñecendo as súas necesidades en todos os eidos. A próxima ordenanza sobre o mantemento de fincas e edificios, que vai ao pleno do xoves, é un exemplo. É unha ferramenta para actuar. Dito isto, é evidente que o tempo é curto. Eu creo que, aínda que a xente non o perciba aínda, se está actuando de xeito eficaz na limpeza. Estamos traballando no regulamento do auditorio. E algo moi importante, coa Consellería de Medio Ambiente, é o acondicionamento do río do Con para evitar na medida do posible que se repitan inundacións como as de novembro do ano pasado. Esta intervención servirá, ademais da limpeza da canle e a conexión dun novo colector co que vai a Ferrazo, para mellorar e urbanizar tamén o entorno. Todo isto dende un punto de vista integral, respectando as marxes dos ríos, actuando no de Santa Mariña, rexenerando puntos en Cea, en definitiva coidando o noso entorno e patrimonio.
-¿A que lle darán prioridade, entón, ata o remate do ano?
-Será por deformación profesional, pero coido que conseguir aprobar os orzamentos do 2008 antes de rematar o ano é fundamental, xunto ao inicio da revisión do PXOM. A adxudicación, previo concurso, do estudo para o catálogo de postos de traballo está a piques de saír. E haberá que definir a cesión do pavillón da Policía Nacional e da Comandancia, xa solicitados. Estes serían os grandes retos.
-¿Que nota lle daría, a todo isto, aos socios de goberno?
-É boa. Realmente aquí non existía esta experiencia de traballar dous partidos en coalición, e está sendo moi positiva. Pode haber discusións, como en calquera familia, pero non contrariedades. Hai, e falo polo meu partido, empatía.
-¿E á oposición?
-Estamos demostrando que estamos abertos a todos. A nivel persoal non hai antipatías nin alonxamentos. Outra cousa é que politicamente cada un manteña a súa postura.