Cortegada no seu estado natural

Andrés Vilas

AROUSA

É mester recoñecer publicamente a loita e o labor levados a cabo polas persoas e colectivos que, co seu gran de area, puxeron todo para a recuperación da illa

09 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

«Cortegada, estado natural, raíña negadora de cortexos vasalaxes, asediada por pretensións deshonestas, almofada de soños inacabados, terra comunal de ida e volta...».

Así comeza a poesía feita en tempos de desasosego, cando Cortegada estaba no ar, no xogo do rolete ruso, no mercado especular, no escaparate do barato barato. Tempos de desasosego para todas aquelas persoas que dun xeito ou outro loitaban por retornar a illa ao seu estado natural, de onde nunca debeu saír.

En tempos da transición democrática, vai para trinta anos, organizouse por un grupo de persoas, na súa meirande parte de Carril e algunhas do concello de Vilagarcía, a primeira comisión pro recuperación de Cortegada para a devolución aos seus lexítimos donos, o pobo, coa esperanza posta nos novos tempos de solidariedade e xustiza. Esta comisión puxo os alicerces para a recuperación da illa que, baixo o lema de «Cortegada é nosa, defendámola», inicia a chamada á cidadanía a participar e defender a mesma. Seguiu logo cunha reclamación xudicial por incumprimento dos acordos de expropiación feita naquel intre aos veciños de Cortegada e Carril. Nunca se chegou a construír o pazo de verán para os Reis, argumento esgrimido para usurpar a illa, que xa nunca máis volveu aos seus donos.

Séguese máis logo a loita, formándose unha comisión de veciños de Carril para reclamar e recuperar para a parroquia o monte comunal que ten a illa, como ben sabían os veciños e así o confirmaban documentos de arquivo, que demostraban unha vez máis a súa lexitimidade a prol dos mesmos. Non foi posible.

Coa constitución das primeiras corporacións municipais democráticas, e a chegada dun goberno progresista de coalición ao Concello de Vilagarcía, volve a esperanza para que Cortegada seguise no seu estado natural. Pero velaí que esa corporación negocia ás costas dos cidadáns a venda da illa propiedade de Don Juan á empresa Cortegada S. A. para urbanizala. Era o progreso que se nos quería vender, salvar Carril, Vilagarcía e O Salnés do paro, a emigración e a miseria, o caramelo posto na boca dun rapaz, e o anzol que moitos gustosamente tragaron.

Todo quedaba selado cunha grande festa e larpeirada para os beneficiarios e vangloria para os benefactores. O verde loureiro da silueta de Cortegada tornouse nun espectro negro que se esparexía polo mar abaixo, e o desacougo e a mágoa entraron naquelas persoas que teimaban en que seguise verdescente, queda, e acougando balbordos.

O tratamento urbanístico

Mais o vento foi mudando, había que cumprir a lei, Cortegada ía ser tratada no plan xeral, tíñanse que cumprir prazos de execución, e o proxecto para a illa non tivo compañeiros ricos para unha singradura que, saíra de mal porto, con mala tripulación, e visos de temporal. A construción da ponte, a pomposidade do proxecto e os novos ventos conservacionistas axudaron a abrir xanelas, a remover conciencias, sobre todo na xente de Carril, que tomou unha postura máis activa e combativa pola ameaza das obras sobre os viveiros, o mar e a contorna en xeral.

Cortegada volvía recuperar mainiñamente o seu estado natural, a súa cor verdescente, e apareceron novos folgos impulsados por unha segunda comisión cidadá que canaliza de novo as aspiracións e a loita pola illa e a súa conversión en parque natural.

Esta comisión aberta e participativa desenvolveu unha serie de accións: asembleas explicativas coa veciñanza, presións en institucións, peches no Concello, estudos sobre a diversidade e riqueza natural da illa, e a toma simbólica da mesma, unha vez máis, por un importante grupo de manifestantes (veciños de Carril e achegados), afincando no seu leito mariño as pancartas que reclamaban flamexando ao vento o seu retorno e a declaración de zona natural protexida. As mobilizacións cidadáns, a inxustiza histórica cometida caendo como a espada de Damocles, e a sustentabilidade, verba aínda de difícil pronuncia, como aguillón dun novo desenvolvemento fixo trocar para ben, posturas de grupos políticos e colectivos para posicionarse definitivamente a prol da recuperación da illa.

As mudanzas na corporación municipal ao longo dos anos e a incorporación de novas formacións políticas posicionadas xa en contra da urbanización, axudaron a desmantelar un proxecto pretensioso, especulador e desastroso para a recuperación pública dun espazo natural único, xerador por si só de benestar e riqueza da que hoxe ninguén dubida.

O peche da expropiación

Podemos estar todos ledos, pero é mester recoñecer publicamente a loita e o labor levado a cabo por moitas persoas que co seu gran de area puxeron todo de seu, a pesares dos ventos en contra, para a devolución definitiva da illa para Carril e para todos. A expropiación, paradoxos da historia, levada a cabo pola Xunta, pecha definitivamente unha grande inxustiza histórica. A chamada feita pola primeira comisión cidadá, reflectida nun cartel de recente reedición, está conseguida: Cortegada é nosa, defendámola. Galicia incorpora, deste xeito, outro enorme tesouro ao seu estado natural.