Folclore, barcos tradicionais e corais completan a oferta

La Voz

AROUSA

Pero esta proposta coa que se despide o verán vilagarcián non é a única para este fin de semana. Os afeccionados ao deporte, por exemplo, teñen unha cita na praia da Concha a partir das cinco da tarde. Alí xogaranse as finais dos torneos de fútbol e volei praia, e procederase á clausura das actividades deportivas de verán que organizan a Fundación de Deportes, e á entrega de premios.

A partir das dez e media da noite, na praza da Peixería terá lugar a decimosegunda edición do Encontro Folclórico Malveiras. Catro formacións de Galicia e Portugal participan no certame. Ademais da formación vilagarciá, amosarán o seu arte os grupos Xirandola, de Silleda, Rancho Folclórico Canidelo, de Portugal, e Lembranzas da Ría, de Cangas.

Despois da actuación haberá unha festa para celebrar o vinte aniversario da agrupación Malveiras.

Mañá domingo as actividades desprazaranse ata Vilaxoán, onde se celebrarán o terceiro Encontro de Embarcacións Tradicionais e os actos da Semana Náutica organizada pola fundación de deportes e a asociación cultural e deportiva de Vilaxoán.

A xornada dominical rematará cun encontro de corais que terá lugar no auditorio ás oito da tarde. Participarán a agrupación Cortegada, de Vilagarcía, e a coral de Poio.

A esa mesma hora, na praza da Peixería haberá un festival benéfico a favor do pobo saharaui, no que se mesturarán a música rock, os ritmos árabes e o folclore galego. As actuacións comezarán ás oito e o prezo da entrada é de tres euros. Os cartos destinaranse a financiar iniciativas de axuda ao pobo saharaui.