«Síntome o responsable político do proceso de León e vou dar a cara»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Pose sostén que hai un lugar para o debate e as críticas sobre a dimisión do ex alcalde: «A asemblea do PSOE en Vilagarcía»

11 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?aen chuzos de punta na familia socialista a raíz da inelixibilidade e dimisión de Enrique León como alcalde de Vilagarcía. Moitos deles diríxense contra o secretario provincial do PSdeG, Modesto Pose, que defende un debate aberto na asemblea na que os militantes deben analizar os resultados electorais e a crise desatada en Ravella. -Son moitos quen o culpan do que aconteceu con León. ¿Síntese responsable? -Si, síntome e son o responsable político de todo o que sucedeu, tanto do bo como do malo, de todo o proceso. E como tal vou dar a cara. Pero creo que hai que ter en conta un factor en todo isto: a elixibilidade de cada aspirante a concelleiro mídese por unha declaración xurada que cada un asina persoalmente. Dende o partido a León informóuselle correctamente. E non se trata de botar balóns fóra, pero é así. -¿Pero como pode ser que algo así lles pase por alto aos servizos xurídicos do seu partido? -Non é que pase por alto. Efectivamente, o PSOE dispón dunha asesoría xurídica que nun momento dado lle advirte a Enrique León de que a súa situación en segunda actividade sen destino é complexa e podería ser problemática. Iso comunícaselle ao candidato. E el resposta que non existe problema ningún, que dispón de garantías xurídicas avaladas pola Dirección Xeral da Policía Nacional no senso de que non incorre en causa de inelixibilidade nin incompatibilidade. Nós, por suposto, depositamos toda a nosa confianza no noso candidato, que asina a declaración xurada correspondente, como en cada elección o fan o milleiro de aspirantes a concelleiros en toda a provincia. Non hai mellor proba da complexidade xurídica deste caso que o feito de que nin a propia Xunta Electoral de Zona advertiu esa hipotética inelixibilidade. -Ben, mais se existe esa confianza, ¿por que entón se recomenda a súa dimisión? -Vaia por diante que estou, e no Partido Socialista estamos convencidos, de que Enrique León cumpre o espírito da lei. Sucede que todo ocorre no peor momento posible. Se isto se tivese producido cando a xunta electoral estaba en plenas competencias nós si poderiamos recorrer, mesmo a un contencioso electoral que se resolvería nun prazo curto, e estou certo de que gañariamos con seguridade. Agora, en cambio, estamos indefensos na práctica. -¿Como indefensos? -A defensa agora significa ir a un contencioso normal, moi longo, e esa incerteza xurídica non se pode soster. -Mais León está convencido de que gañarían. -Si, pero poñámonos na hipótese de que non é así e un contencioso ditamina que, efectivamente, é inelixible. ¿Que sucedería? Todo tipo de resolucións administrativas en vilo, unha inseguridade xurídica terrible, o colapso do Concello. Nós, como forza política responsable, non podemos poñer os cidadáns e unha institución como o octavo Concello de Galicia neste risco. Por iso afirmo que esta situación é inmanexable e quedamos indefensos. Porque a defensa implica un risco que non podemos asumir. -O ex alcalde asegura que iso é deixalo abandonado. -Entendo perfectamente o seu enfado dende o punto de vista humano, dunha persoa que se ve con razón xurídica e parécelle inxusto porque non cometeu falta nin delito ningún. Pero o PSOE ten a obriga de facer tamén outro tipo de valoracións, ten que mirar máis adiante, por riba das situacións persoais, da miña, da de Enrique ou da de quen sexa. -Visto todo o sucedido, ¿cre que a súa elección como candidato foi un erro? -En política e na vida en xeral as mellores decisións son as decisións tomadas. Porque se tivésemos unha bola de cristal este sería outro mundo. A súa designación seguiu o procedemento correcto. Foi unha decisión irreprochable, compartida por toda a executiva e respaldada abrumadoramente pola militancia. Non ten senso analizar agora iso. Sigo pensando que Enrique León foi un bo candidato.