«A nosa primeira opción é formar un goberno de esquerdas sen pervertir»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Entrevista | Juan Manuel Fajardo Recouso EU pide cartas sen marcar e claridade como premisa para comezar a negociar

29 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?uan Fajardo é un dos claros vencedores da xornada electoral. Da súa man, EU acada tres concelleiros e a necesidade de que calquera fórmula de goberno progresista precise do seu respaldo. É o momento de negociar, e a súa formación vaino facer «con honestidade e firmeza, sen cartas marcadas». -¿Sente o peso da responsabilidade? -Sinto responsabilidade dende que o primeiro día que tomei as rendas da coordinación de EU en Arousa. Agora, con 2.600 votos, pensas en non defraudar a tanta xente. Está claro que hai unha responsabilidade importante, pero a nosa acción sempre está enfocada na procura do progreso social e da clase traballadora, non en beneficiar a ninguén. Por iso estamos responsabilizados pero tamén tranquilos. -O lema da súa campaña fala de que un goberno de esquerdas con vostedes é posible. EU insistiu constantemente nesta mensaxe. ¿Este é o momento de gobernar, polo tanto? -A primeira opción e formar un goberno de esquerdas real, sen perverter, sen que se oculten políticas de dereitas baixo siglas supostamente de esquerdas. -Apostan, logo pola formación dun tripartito. -Ben, iso vai depender da mesa de negociación que se entaboe e dos resultados que se acaden nela. -¿Como vai chegar EU a esa mesa? -Chegaremos a ela con propostas concretas. É evidente que non podemos impor o noso programa na súa totalidade porque non somos a lista máis votada. Pero temos proxectos concretos e tanxibles que deben ser oídos e discutidos. Hai moitas posicións posibles. -¿De que propostas estamos a falar? -É imprescindible mudar o actual modelo de servizos sociais, a transparencia urbanística, a participación cidadá, o medio ambiente. Todo o problema dos vertidos, que pasa coa depuradora e coa auga de Caldas, porque hai máis de dous meses que pedimos as análises e aínda non os temos. Eses serían os eixos. E a empresa de vivenda. -Que é a súa proposta estrela, ademais. -Nós non imos a ningures con plantexamentos pechados. Estamos afeitos a negociar día a día no eido laboral, así que sabemos perfectamente o que significa sentar a falar e asinar acordos. Pero dentro deste proceso hai aspectos irrenunciables. O que de ningún xeito pode plantexarse é un continuísmo na política de vivenda. Non é cuestión de que as cousas se fagan dun día para o outro, pero esta proposta debe explorarse baixo a fórmula que sexa precisa. E para nós é esencial que os interlocutores de calquera negociación sexan claros. -¿Por que o di? -Estamos afeitos a que o PSOE chegue a falar con ases na manga e mesmo cartas marcadas. O exemplo foi Jesús Paz mentres foi portavoz do grupo de goberno. Con el chegamos a acordos en materias como as subcontratas municipais ou a necesidade de primar a empresas que ofrezan empregos de calidade nos contratos co Concello. Eran acordos por escrito que logo foron violados no pleno. Nós non queremos unha interlocución así. Queremos a mesma claridade e honestidade coa que nós sentaremos a negociar. E a seguridade de que quen asine calquera acordo ten a lexitimidade e o peso para facelo. Que o que se acorde se vai cumprir. -¿Cal é a fórmula que preferirían no goberno? -A nosa proposta será a que defina unha asemblea que imos celebrar xa. A decisión está nas mans dos nosos militantes. -¿Pero estarían nese tripartito progresista? -Fórmulas hai moitas posibles. Pode ser un tripartito ou poden ser apoios puntuais. O que a xente non entendería é que fosemos incoherentes co noso discurso. Estaremos nun goberno se é de esquerdas de verdade, non en base a unhas siglas. Aquí gobernouse durante 16 anos con siglas de esquerdas e unha política claramente de dereitas. -¿Houbo xa contactos? -Unicamente as catro palabras de cortesía na xunta de portavoces do luns. Creo que esta semana hai que deixala pasar, porque temos que falar coa mente fría, non alterada aínda polos resultados. -A investidura do candidato socialista si está garantida, ¿ou non? -Home, evidentemente a nosa primeira proposta será o noso propio candidato, neste caso eu. Pero evidentemente o alcalde de Vilagarcía será de esquerdas, con todas as dúbidas que nos ofrece un alcalde ex comisario. -¿Hai, de calquera xeito, unha responsabilidade compartida no que se refire ao medre do centro dereita? -A responsabilidade dese medre é do PSOE. Nós combatemos permanentemente as políticas do PP claramente, non como eles. Non podemos consentir que volva aparecer Zaplana a darlle bicos a todo o mundo, cando e o político máis mentireiro de todo o Estado, un home que non dubida en empregar a crispación e as vítimas do terrorismo para tentar tombar un goberno democrático e lexítimo. Cando Felipe González perdeu o goberno, tentou culpar a Anguita e a aquela suposta pinza, pero o que o levou a esa situación foi a súa política de dereitas, non IU. -A pregunta refírese máis ben ao futuro. Unha mala xestión deste momento político podería abrirlle as portas da alcaldía ao PP en catro anos, ¿non cre? -Os resultados e a súa política de illamento fan que o PP estea moi lonxe diso. Medraron con demagoxia e propostas para a galería, só lles faltou prometer unha pista de esquí no Xiabre. Estes catro anos imos quitarlles a careta. Agora critican que tres formacións distintas, cada unha cunha visión propia, tentemos chegar a un acordo ¿Pero como pode falar de desunión alguén que se cargou, non a ningún contrincante, senón á maioría do seu mesmo grupo municipal? Fole é un inconsciente. En canto a nós, creo que podemos ser a lista máis votada de aquí a catro anos. Pero se conseguimos que 400 familias de Vilagarcía teñan unha vivenda á que agora non poden acceder sería un éxito rotundo. Pasase o que pasase logo nas eleccións.