Uxío, o múltiple

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Crónica | Pintura na galería Arcana de Vilagarcía O creador vilagarcián Uxío López vén de inaugurar a súa nova proposta nun pequeno pero grande espazo

26 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

No sotarrego, no piso de abaixo da conciencia, habita sempre un caos primixenio. Forzas poderosas baten entre si, fan tremer a armazón que se ergue sobre elas, chaman á porta do veciño de arriba, da verbalidade, sen chegar nunca a desvelarse, sen facerse palabra ou concepto. Reclaman atención, interpelan a mente e os sentidos para agocharse de novo antes de ser descubertas, deixando un lene pouso fuxidío como toda pegada. O acto da creación consiste, en boa medida, en abrir camiños a estas potencias, conducilas sequera de vagar, propoñerlles materia informe que moldear e deixalas operar Mundos distintos Na medida en que o demiúrgo cabalgue ceibes as correntes informadoras ou tente dominalas con puño de ferro, abrirá as portas a mundos distintos. Suxerencia fronte a imposición, fluír fronte a loitar, brétema fronte a luz, calma e non treboada, melodía ou disonancia, placidez contra agresividade. Uxío coñece unha porta para entrar e saír destes universos paralelos. Hai un pulo telúrico no seu labor, marcado mesmo polas substancias que se cadra distingan con meirande particularidade a súa obra, o aluminio e o ácido, metal e corrosión, puro caos que o creador é quen de transformar nunha radiografía do instante. Pezas nas que a propia materialidade impón un azar determinado de formas e curvaturas. E, porén, dan lugar a sutís composicións que semellan lenes, como trazos debuxados pola choiva no vidro, pero fortes, rexos, indestrutibles. O disparo e a diana Esta multiplicidade sen condensación percorre o traballo de Uxío, non importa se o papel, a tela ou o guizo son a base do seu escoller entre os distintos azares xeneratrices. Importa máis preparar o disparo que acertar na diana. E hai un Uxío que explota en cores, que dobrega o ollo, que domina e se impón, que procura o centro. E hai outro que insinúa, que propón, que navega pola marxe evanescente dunha realidade sempre cuestionada. Entre o ser e nada, hai lugar para un terreo dialogado a través do símbolo non premeditado, a chave que realmente permite comunicar eses mundos adiando a contradición á que están chamados, como o branco transparente que tan ben emprega, no que os opostos semellan disolverse sen loita, con agarimo. Todas as imaxes E así van xurdindo as imaxes. As fiestras. As fervenzas. As pegadas de ferro. Os estudos para un voo. O home que se agocha. O naufraxio de metal. O anuncio doutras épocas. O sorriso do trono. Os novos petróglifos. O encontro entre sombras. As caixas chinesas. A sórdida exaculación. A treboada de trazos. As lembranzas do cubismo. As cores derramadas. O baile en vermello. Os esquemas do baleiro. A crema infinita. As densidades combinadas. Os mapas de ningures. Os moitos barullos. E tantas e tantas outras «pequenas ideas en pequenos espazos de tempo» que Uxío o múltiple desencadea no maxín antes de pechar a porta e retornar á súa adega orixinaria de nigromante.