A comarca énchense de actividades para celebrar a xornada das Letras Galegas

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

17 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Ningún municipio quixo perder onte a oportunidade de celebrar o día grande das letras. Representacións teatrais, exposicións, homenaxes e concertos encheron auditorios e incluso rúas na xornada festiva. Vilagarcía . Na capital arousán houbo, sobre todo, premios e poesías. Un recital foi o encargado de abrir o programa da Fundación Amigos de Galicia, que seguiu coa entrega dos premios literarios e artísticos. A música foi a seguinte en entrar en escena para darlle paso a un xantar no que participaron 150 nenos e asociacións culturais do municipio. O programa rematou pola tarde, coa inauguración da exposición de pintura do artista Couselo. A Illa . As letras saíron ao mar na Arousa. Como xa ven sendo habitual, a asociación Dorna inaugurou a temporada de navegación cunha travesía polos mares da ría. Tampouco faltaron os libros, que levaron ata a Illa os libreiros de Cambados xunto con varios autores para que asinaran os seus traballos. Nin o teatro, que trouxo a este municipio Iliria Teatro. Meis . Ata San Sebastián marchou a coral Xuntanza de Meis para celebrar o Día das Letras Galegas. Alí participa, ata o próximo 20 de maio, nun intercambio cultura coa coral San Pedro de Zumaia. Ambas agrupacións ofrecerán un concerto e un pasarrúas polas principais rúas do casco antigo da cidade. Ribadumia . A música de Milladoiro foi a escollida para festexar a xornada neste municipio arousán. A actividade gustou tanto aos veciños que nunha soa mañá xa tiñan esgotadas todas as invitacións. Por iso o concerto repetirase ás dez e media desta noite no novo auditorio municipal co fin de que poidan asistir todos os que o desexen. O Grove . Despois dun ter onte un día ateigado de actos, a vila meca recupera a actividade mañá cun espectáculo de títeres na casa de cultura de San Vicente (18.30 horas). Valga . O Concello ofrece mañá unha xornada de portas abertas no ximnasio de Beiro e teatro e música pola noite. Será ás 21.00 horas, no centro multifuncional de Cordeiro. Pola súa banda, a asociación Os Penoucos organizou para a tarde de mañá tres citas na casa de cultura de Ponte Valga. Ás cinco, unha proxección de curtametraxes para nenos e despois celebrará a entrega de premios do Certame literario-artístico «Xosé Luis Míguez» e un recital poético. Catoira . Hoxe haberá un recital poético-audiovisual a cargo de Yolanda Castaño, no Concello, ás 20.00 horas.