O pombal
16 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Vilagarcía celebrará hoxe o Día das Letras con moita poesía, pero tamén con moito premio. A Fundación Amigos de Galicia programou unha serie de actos para celebrar a xornada na Peixería. Comezarán a mediodía cun recital poético, ao que seguirá a entrega dos premios literarios e artísticos que outorga a entidade. Novamente a música daralle paso a un xantar no que participarán 150 nenos e asociacións culturais de Vilagarcía. Os actos da xornada na capital arousá finalizarán coa inauguración, na sala Rivas Briones, dunha exposición de pintura do artista Couselo . Pero xa onte houbo algunha actividade, como a presentación do libro de poesía Hidromel , de Xermán Torres . Mentres, ? Illa celebrará o Día das Letras cunha obra de teatro. Será no salón de actos da casa consistorial a partir das seis da tarde. Será a compañía Iliria Teatro a que se encargue de presentar a obra O Pelícano , de August Strindberg. A compañía está formada por doce actores baixo a dirección de Moisés Morales. A obra que se representa na Illa conta os últimos días de vida dunha familia. Un desgraciado acontecemento deixa ao descuberto verdades e feitos terribles, o que dá lugar a que a acción se desenvolva nunha atmosfera de horror e misterio. Mar, música e poesía A asociación Dorna elixiu un ano máis o Día das Letras Galegas para inaugurar a temporada de navegación. Esta apertura da campaña servirá para botar ao mar dúas novas dornas, que sairán, acompañadas por boa parte das embarcacións da asociación, ás doce e media da mañá, e de novo ás catro da tarde. Pero a navegación non é a única actividade que a entidade cultural organizará durante a xornada de hoxe. A partir das once e media, o peirao do Xufre será o escenario de actividades musicais e poéticas. Así, a librería Castelao organizará unha exposición de libros e levará a varios autores que firmarán os seus exemplares. Tamén se lerán versos de María Mariño, a autora á que se lle dedica este ano a xornada das Letras, nunha actividade á que se lle dou o nome de O mar tamén ten mulleres . Os máis madrugadores Pero se hoxe todos os concellos da comarca renderán tributo ás letras e a María Mariño, houbo algúns que xa comezaron onte cos actos. É o caso de Cambados, que onte organizou actividades cos máis pequenos. Hoxe continuarán as propostas de Cambados. A banda de música de Castrelo ofrecerá un concerto para celebrar a xornada. E ademais, a partir das cinco da tarde, haberá na praza do Concello xogos e actividades didácticas infantís, ás que se lle dou o título de O xogo dos sete contos . Nesta proposta reuniranse os participantes para explicarlles como comezou a celebración do Día das Letras. Despois faranse sete grupos que rotarán polas sete estacións dispostas na Calzada e nas que se tratarán contos populares. Na segunda parte os rapaces deben xuntar todas as pezas do puzle, para que ao final aparezan representados os sete contos populares, xunto co nome de María Mariño e as súas obras. Unha batería de preguntas rematará con esta actividade dedicada aos máis pequenos. E para pequenos e maiores organizan as librarías Contos, Castelao e Ramón Cabanillas a entrega do cuarto premio dedicado a Cabanillas. Terá lugar en Exposalnés ás 12.30 horas. Ademais, no paseo da Calzada haberá unha sinatura de libros nunha pequena feira que se organizará nese lugar para conmemorar esta xornada esencialmente literaria. No auditorio de Ribadumia será Milladoiro o grupo encargado de poñer ton musical ás Letras. A expectación creada polo seu concerto obrigou ao Concello a programar unha nova actuación, que terá lugar o venres ás 22. 30 horas. O Grove tamén deseñou unha variada programación para festexar esta xornada. Talleres de xogos para os nenos, unha feira do libro na praza de Arriba, a actuación da escola de baile Cantodorxo, escenificacións teatrais a cargo da ANPA do Valle-Inclán ou a lectura pública da obra de Manuel Lueiro Rey, tamén na praza de Arriba a partir de mediodía, son só algunhas das propostas.