O acto da Asociación pola Memoria Histórica non será o único, nin moito menos, que haxa no Grove o vindeiro xoves. A programación elaborada polo Concello para o Día das Letras Galegas é ampla e variada. Empeza ás dez da mañá con actividades para nenos na Praza de Arriba baixo o título Xogamos coas Letras , con entrada libre e organizado pola Academia Vox Populi. Unha hora despois arrincará, no mesmo escenario, a Feira do Libro, en colaboración coa Asociación de Libreiros, e alí actuarán a escola de baile de Cantodorxo e o grupo de teatro da Anpa do CEIP Valle-Inclán coa obra Os gatos do 07 . Ás doce do mediodía empezarán os obradoiros de xogos na rúa Pratería, organizado pola asociación Érguete. Tamén está previsto regalar libros a todos os presentes. As 13.00 horas, na Praza de Arriba, terá lugar a representación da obra O maquinista Antón , a cargo do grupo de teatro da ANPA do CEIP Valle-Inclán.