Crónica | O Grove prepara o 17 de maio Os grovenses van celebrar a festa da literatura galega cun bo feixe de actividades. Contos, teatro, títeres e a tradicional feira do libro forman o programa do Concello
26 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?s letras tamén teñen patrón. O das letras galegas é o libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. O día da súa publicación, o 17 de maio, tense convertido na data festiva por excelencia para a literatura galega. No Grove xa teñen pensado, e ben pensado, como van celebrar este día. Contos, teatro e libros encherán a vida do municipio grovense durante as vindeiras semanas. Arrancará o programa de actos este mesmo sábado. Na casa de cultura, ás seis e media da tarde, arrancará unha tarde de historias e lerias. Contos das estacións é o título do espectáculo que vai chegar da man da compañía Conta e Canta. Ao día seguinte, o domingo, no mesmo lugar e á mesma hora, presentarase a unidade didáctica Imaxínate O Salnés. Todos os asistentes voltarán á casa cun exemplar deste cedé interactivo de regalo. O programa elaborado polo concello grovense da un salto dunha semana. Chegamos, así, á tarde do sábado 5 de maio. Ás seis e media comezará o espectáculo na casa de cultura. Baixo o título Recicla Arte. Claro que si, reúnense música, monicreques e videocreacións. Por se todo iso fora pouco, os responsables desta actuación reclamarán a colaboración do público para facer que, cun pouco de imaxinación, a experiencia sexa total. E, como a cousa vai de sábado a sábado, chegamos ao 12 de maio. Daquela a compañía Tanxarina porá en escena o espectáculo Contaloucos (18.30 horas na casa de cultura). E, como as letras tamén son para os maiores, o Concello programou un concerto de pandereteiras no que participarán as Mulleres Rurais Adro Vello, a agrupación Malveiras, e Lembranzas da Ría (a partir das 20.00 horas, tamén na casa de cultura). Chegamos, dese xeito, ao día grande, o 17 de maio. A xornada arrinca cedo: a partir das dez da mañá, a academia Vox Populi organiza na Praza de Arriba a actividade Xogamos coas Letras. Ese mesmo lugar, o epicentro da actividade do día, acollerá a partir das once unha nova edición, e xa van dezasete, da Feira do Libro. Mais ou menos cando abran os postos escomezará a actuación da Escola de Baile Cantodorxo. O teatro correrá, desta volta, a cargo do grupo da Anpa do colexio Valle Inclán, que a partir das doce menos cuarto escenificará na praza a obra Os gatos do 07. Ás doce será hora punta. Na rúa Pratería empezarán os talleres de xogos de Érguete. E na Praza de Arriba arrincará unha lectura pública da obra de Lueiro Rey a cargo de diferentes persoeiros do Grove. Unha hora máis tarde, o grupo de teatro da Anpa do Valle Inclán volverá á escena coa obra O maquinista Antón. Por se non fora dabondo con todas estas propostas, o programa do Día das Letras prorrogarase ata o sábado 19 de maio. Para entón, o Concello meco ten preparado un novo espectáculo de títeres: O pazo de papel, da compañía Buratini. Será na casa de cultura da parroquia de San Vicente, a partir das seis e media da tarde.