Entrevista | Rodrigo Santiago Na terceira pugna electoral consecutiva aínda é posible manter folgos e ilusión
14 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?ende que en 1999 asumiu por vez primeira a candidatura do PSOE en Vilanova, Rodrigo Santiago converteuse na némese política de Gonzalo Durán. -Outra vez aquí. -Outra vez, si. Mentres manteña gañas, ilusión e a confianza dos meus compañeiros, se serve para que Vilanova prospere, sempre estarei aí, en disposición de traballar polo meu pobo. -¿Non lle entra a un complexo de Quixote? Hai aquí moito muíño... -Diso son perfectamente consciente. Pero déixame dicir que esta non é unha situación natural, senón provocada con toda a intención. As cousas cambian se a mentalidade cambia. Os pobos transfórmanse na medida en que culturalmente se motivan ese cambios. Vilanova sofre unha parálise a todos os niveis promovida dende a alcaldía. Na medida en que a xente non participe e non vexa como se fai política, seguiranse perpetuando as prácticas caciquís dende o poder. -¿Gustaríalle a Valle-Inclán todo isto? -Non sei se lle gustaría, pero tería materia para desenvolver esa figura literaria que el creou, o esperpento. Que está plenamente vixente, por desgraza. -Con sinceridade, ¿é Vilanova cousa de dous? -Probablemente sexa cousa de dous, pero non dos mesmos que hai catro anos. Foi entón cando un deses dous de antes adquiriu outro tipo de responsabilidades no eido provincial. Un deles mudou, pero segue a haber dous que controlan e teñen a última palabra. -¿Pódeme dicir, logo de oito anos nela, para que serve unha Deputación? -Probablemente teña unha razón de existir, insisto no de probable, pero en todo caso non tería nada que ver coas razóns que a xustifican na actualidade. A impresión que teño é que a Deputación é un ente absolutamente manipulado a nivel de recursos, con fins exclusivamente partidistas. A lei marca dúas funcións para esta institución: atender subsidiariamente os servizos que determinados concellos non poden cubrir, e exercer como factor equilibrante. Outras razóns de ser non ten. Pero aquí séguense a gastar miles de millóns de pesetas sen xeito mentres hai familias que nin sequera teñen a súa dignidade persoal garantida. Manipulación, desubicación, desorientación... -A todo isto, ¿canto custa unha cervexiña en Vilanova? -Máis que cervexas, eu tomo quintos. -¿Canto un quinto? -Un euro ou un cincuenta, en función do sitio no que esteamos. Un quinto é máis lixeiro. Unha cervexa é moito líquido, home, moito.