Mañá conmemora o 14 de abril cunha serie de actos en Vilagarcía Ata o día 17 pode visitarse na casa da cultura unha mostra sobre a represión na illa de San Simón
12 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.UN CONCERTO-CEA NO GROVE. Tamén no Grove a Asociación pola Memoria Histórica organizou varios actos. Esta tarde, ás 20.30 horas, na casa de cultura, Marcelino Abuín e Luís Rei falarán sobre a República nun acto presentado por Francisco Iglesias. Mañá, a partir das 21.30 horas, no restaurante Ruamar, haberá un concerto-cea de confraternidade no que actuará a cantautora Lorena Lores, con Diego Alcántara. Intervirá Xosé Avelino Ochoa, presidente da asociación. ? 14 de abril é unha data simbólica para todos aqueles que defenden a República como forma de goberno. Arredor desa data, a Comisión cidadá pola Memoria Histórica Democrática de Vilagarcía decidiu organizar unha serie de actos que queren que se consoliden dun xeito anual. Por iso mañá se organizará ás sete da tarde unha ofrenda floral no monumento á República do parque Miguel Hernández. A continuación haberá un acto no auditorio no que intervirán algúns coñecedores e incluso vítimas da represión en Vilagarcía. Entre eles estará Antonio Caeiro, autor do filme Illados , que agora está traballando nun documental sobre nove persoas que foron asasinadas nunha curva en Baiona. Paralelamente, durante estes días, e ata o 17 deste mes, pode visitarse na casa de cultura a exposición A Illa da Memoria. A represión no cárcere da illa de San Simón (1936-1943) . Unha mostra que pretende achegarse ao horror das máis de dúas mil persoas que pasaron por «aquel pequeno campo de concentración», tal como o definiu onte, durante a presentación dos actos, Xosé Castro Ratón. En calquera caso, quen xa pasara pola casa de cultura para visitar esta exposición, non debe perder a oportunidade de volver, posto que desde onte pola tarde a colección foi ampliada con algunhas imaxes con conexión local. Porque non en van por San Simón pasaron máis dun cento de persoas de Vilagarcía. Reivindicacións Pero ademais dun acto conmemorativo, a programación de mañá pretende converterse tamén nun movemento reivindicativo. En demanda, en primeiro lugar, de que desaparezan dos espazos públicos da cidade todos os símbolos fascistas e todos os nomes de rúas dedicadas a persoas que apoiasen dalgún xeito ao réxime. E aínda unha reclamación máis: que se lles retire o título de fillo adoptivo de Vilagarcía a certas persoas ás que no seu día se lles concedeu, como foi Manuel Bernal, o capitán da Garda Civil que entrou na localidade «a matar rojos , coma eles dicían», ou ao propio Franco. Pola contra, pedirase que se lle dedique «unha rúa ao 14 de abril ou ás persoas que loitaron contra o fascismo», explicaba onte Fernando Ramos, quen presentou os actos xunto con Castro Ratón, Margarita Teijeiro e Mari Carmen Prieto. E se todos eses actos terán lugar pola tarde, pola mañá será o Partido Socialista o que conmemore o 76 aniversario da proclamación da Segunda República. Será ás 13.00 horas e intervirán Fernando Quintela Novoa, galeguista histórico, e Enrique León Calviño.