«Creo que a emigración axudou ás mulleres»

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA

AROUSA

Entrevista | María Nine Ás sete da tarde, a presidenta das mulleres rurais será a protagonista dos actos organizados polo concello para celebrar o Día da Muller.

07 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?nque ninguén o diría -María viste pantalóns e xersei e móvese con axilidade-, a muller que hoxe pola tarde vai ser homenaxeada na Illa de Arousa ten xa setenta anos. «Nacín no 37, bótalle a conta». -Eran tempos difíciles. -Si. Eran tempos difíciles, e sendo orfa... O meu pai morreu na guerra e a miña nai doce anos despois. Así que vivín cos meus padriños, cos meus avós... -Empezou a traballar moi nova, con 14 anos... -Aos 14 anos fun á fábrica. Aproveitaba cando podía para ir gañar algo para min. Máis tarde fun á de Goday. Logo traballei un pouco de costureira... Facía todo o que podía para saír adiante, porque naqueles tempos non era como agora. A miseria era moita. Logo casei, con 18 anos, e marchamos a Suíza. Por 28 anos. -¿Cando decidiron volver? -Eu tiña gañas de vir. Eu á Illa nunca a puiden esquecer. Soñaba con virme o máis pronto posible, así que cando xa tivemos aos fillos casados decidimos volvernos, no ano 1990. Pero aos cinco meses xa caeu enfermo o meu home, e catro anos despois morreu. E entón quedei soa. -Volveu con enerxía, porque non parou... -Cando estabamos para volver, estaba preocupada polo que ía facer. Acostumada á rutina de traballo, pensaba, ¿en que vou ocuparme? Non me daba conta de que tiña dúas casas, que xa me chegaba ben para limpar, pero iso non é o que che satisface. Eu, estando en Suíza, especializárame en corte e confección, e decidín que podía dar clases. Logo, co do meu home, xa nada. -¿Non fundou a asociación de mulleres rurais? -As mulleres rurais xa se formaran. A presidenta era Juanita Cadórniga. Non sabiamos moi ben por donde andar, o proveito que lle podiamos sacar a todo isto. Pero pouco a pouco empezamos a facer cursiños... Daquela fixemos de todo: bordado, bolillos, manualidades... O que pasa é que hoxe vaise acabando. -¿Por que? -Vai perdendo porque a xuventude non se mete en nada desto. Non lle interesa aprender nada do que son as manualidades. Tampouco se necesita: é máis fácil comprar as cousas feitas que coselas. -Moito teñen cambiado as cousas, ¿non? -Moito, moito. Antes non había nada. Pero todo cambiou moito, grazas en boa parte á emigración, que marchamos todos, ou a maioría. Daquela as mulleres tiñan un papel moi importante, porque traballaban na casa, criaban aos fillos e facían de todo. Aos homes, daquela, non lle dixeras nada da casa... Ao meu home si, porque en Suíza cambiou e botaba unha man. -¿A emigración axudou a normalizar a situación da muller? -Eu penso que sí, que a emigración axudou ás mulleres porque os homes, ao estar fóra, tamén se mentalizaron doutra maneira. Non todos, pero a maioría déronse de conta de que as mulleres podían facer moitas cousas, non só estar na casa. -¿Como ve a situación hoxendía? -Cambiou, pero aínda hai moito que facer. O machismo existe, anque xa temos outras liberdades que non tiñamos antes. Outros dereitos: agora xa se pode ir á universidade e facer uns estudios «de home». Antes, unha muller doutora era impensable: só podías ser mestra. -Tamén pasou polo concello... -Catro anos: a primeira lexislatura con Manuel Vázquez. A segunda xa non: xa me puxen á cola para que pasase xente nova. Ademais, metérame en moitas cousas. -E quen moito abarca pouco aperta -Claro, anque se colles as cousas con cariño sempre se van levando... A verdade é que é bonito: darse sen buscar nada a cambio é algo moi fermoso e que dá moitas recompensas. -¿Coma a homenaxe? -A min gústame estar, pero figurar... Pero gusta saber que hai quen che aprecia.