AREOSO | O |
15 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.ANDAMOS todos agora un pouco preocupados por iso do cambio climático que parece que nos ven enriba. A verdade é que sen tempo non era. Levamos moitos anos de desfeita, entregados a ese mal chamado progreso que o único que fai é destruír o pouco que nos queda deste noso mundo. Pero ás veces pregúntome se non nos estaremos alarmando un pouco de máis. Unhas veces por pouco, e outras por moito. É certo que parece que o clima está mudando, pero non será a primeira vez que o faga. Botando a vista atrás, houbo moitos cambios climáticos ao longo da historia. Onte mesmo puidemos ler neste xornal que na época romana xa vivimos en Galicia un cambio climático. Parece que tamén entón, alá polos primeiros séculos da nosa era, houbo un importante avance das augas mariñas sobre as nosas costas. Por iso, independientemente de que haxa que tomar cartas no asunto, deixar de contaminar e tratar de preservar o medio ambiente, que por suposto que o hai que facer, tamén é bo ter algo de calma e non deixarse levar por teorías catastrofistas. Ao fin e ao cabo, o mundo xa se ía acabar no ano mil, e aínda estamos aquí. Se cadra, os cambios no tempo que estamos a observar non son máis ca ciclos diferentes, como houbo toda a vida e como seguirá habendo. Xa ven, dicíase que o mes de febreiro se estaba convertendo no máis seco do ano, e nesta ocasión está a chover a mares. En fin, que a esperanza, como se di, é o último que se perde. Máis nos vale pensar que isto non vai ir a peor, que Galicia vai seguir sendo sempre a terra verde que coñecemos e que A Illa ou O Grove non van perecer somerxidas baixo a auga. Mentres, e por se acaso, teremos que ir traballando para evitar que as peores previsións se cumpran. Non vaia ser que sexa verdade e que a lei dos 500 metros nos vaia salvar de morrer afogados polo océano.