O pombal Os máis pequenos son sempre grandes admiradores dos paiasos; así que na Illa pensaron que ninguén mellor ca eles para inculcarlles aos escolares o amor polos libros
14 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda non chegou o Entroido, pero as rúas da Illa xa se van animando. Os paiasos chegaron onte a primeira hora a visitar aos rapaces da gardería. Alí estiveron un anaco facéndolles pasar uns intres de diversión. Pero ademais de divertilos, estes peculiares monitores tiñan unha importante misión: recorrer todas as aulas para contarlles contos aos cativos. Unha vez cumprida esta meta no centro Sonrisas y Lágrimas, os paiasos trasladáronse ao colexio Torre, onde tamén tiñan unha cita cos alumnos. Boas ideas Estes peculiares paiasos chegaban desde a biblioteca da Illa. Alí foi onde se organizou esta actividade, incluída nun programa de fomento da lectura. A responsable da biblioteca, Ángela Otero , argallou este invento ao que lle dou o nome de A hora do conto . A idea é que os máis pequenos comecen a collerlle gusto aos libros e ás historias. A esa idade comeza a curiosidade e o querer saber, así que nada mellor que aproveitar para darlles a coñecer o máxico mundo dos libros. Ese tipo de actividades tamén espertan a creatividade nos nenos. Os xestos e a mímica nesas idades, din desde a biblioteca, facilitan o nivel de comprensión e axúdanlles a encamiñalos á súa etapa de lectura. En Cambados foi día de museos Por casualidade, pero o caso é que onte foi un día moi intenso nos museos de Cambados. Uns douscentos rapaces chegados do Grove, Vigo e Ourense visitaron o Museo do Viño, a casa natal de Cabanillas e o muíño de mareas de A Seca e, de paso, puideron coñecer o casco histórico-artístico da vila que é en si mesmo un museo ao aire libre. No Concello estaban moi contentos por tanta actividade, e non é para menos. Xa se sabe que non son estes uns espazos que se caractericen pola súa grande demanda pero queda a esperanza de saber que os que agora van coa escola a ver as ánforas romanas e os escritos do poeta da raza quizais sexan grandes consumidores deste tipo de cultura dentro duns aniños.