Premios para Manuel e Andrea

La Voz

AROUSA

O pombal O concurso de cartas de amor de Vilagarcía xa ten gañadores, e os dous son da casa. En Cambados tamén houbo premio de San Valentín para os nenos María, Iván e Lara

13 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

E ben que o sabe o gañador do concurso de cartas de amor. Manuel Guinarte obtivo o primeiro premio do concurso coa obra Bandeja de entrada, unha orixinal misiva polo contido e, sobre todo, polo formato. Guinarte reproduzo en dous folios as mensaxes de amor que se poden atopar nun correo electrónico. Neste experimento hai un pouco de realidade e un pouco de ficción e colle elementos da paisaxe de Vilagarcía. Cóntanse sentimentos comúns e próximos pero que non todo o mundo se atreve a compartir. Guinarte si, e valeulle un premio de 450 euros, un lote de libros, un diploma e unha estancia de fin de semana nunha casa de turismo rural. Algo menos levará Andrea Fernández Maneiro , a gañadora do segundo premio do concurso de cartas de amor convocado polo Concello de Vilagarcía. No seu caso serán 300 euros, lote de libros e diploma, pero non terá fin de semana de turismo rural. Dálle o mesmo. Ela xa ten viaxe preparada a Euro Disney cos seus dous fillos, e os 300 euros véñenlle de perlas para cubrir gastos. Andrea, como Manuel, tamén é de Vilagarcía pero, a diferenza do anterior, ela xa tiña experiencia neste concurso. Tanta que gañou o primeiro premio de cartas hai sete ou oito anos. Desde aquela non se volvera a presentar pero decidiu volver a probar sorte e non podía ser con mellor fortuna. O premio chegoulle cunha entrañable historia de amor dun home que ve como vai perdendo á súa muller enferma de Alzheimer e que titulou Querida Elisa . Felicidades aos dous. A entrega, este sábado Os premios no apartado de poemas fóronse fóra da comarca, aínda que algún non tan lonxe. O primeiro foi para La mora infinita de tus ojos , de Manuel Sánchez Gorjón , de Palencia. O segundo, para Marea percebeira , de Margarida Rodríguez Marcuño , de Vigo. Eles e Manuel e Andrea teñen unha cita o sábado, ao mediodía en Ravella, para recoller os premios. En Cambados tamén houbo concurso de San Valentín, pero máis doméstico. Foi de dedicatorias e para nenos. Dos máis de setenta participantes, os que mereceron o premio aos foron María Rodríguez Reboeiras , Iván Portas Rivas e Lara Lores Fernández . Os premios entregaranse o venres na Mercede, aínda que as dedicatorias gañadoras xa se poden ler nunha gran flor montada no centro social.