Entrevista | Nando Casal Nando Casal emprende a loita pola alcaldía con folgos e convencido de que acabará co «albertismo» en Catoira. A súa premisa vai ser imprimirlle ao Concello «hixiene democrática»
03 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Músico recoñecido internacionalmente con Milladoiro e farmacéutico de Catoira de toda a vida. A Nando Casal o coñecen todos os veciños, e fai bandeira diso. Na conversa irradia ilusión e unha idea clara sobre a Catoira que quere, e este proxecto pasa por conseguir un médico para atender as urxencias polas tardes e que todas as parroquias teñan os servizos básicos. Ten outros obxectivos que irá debullando de aquí a maio. -¿É compatible Milladoiro coa política? -Absolutamente compatible. Temos o exemplo clarísimo de Xilberto Xil, músico fantástico, que é ministro de Cultura de Brasil, aínda que nin eu son Xilberto nin Catoira é Brasil. Son unha persoa moi seria e responsable. Se tivera dúbida de que a música me ía impedir facer un bo traballo como alcalde, non daría este paso. -Os escenarios non o van perder logo. -Non. A miña idea é totalmente distinta da do actual alcalde. Alberto García leva a alcaldía dun xeito personalista, e con nós vai ser ao revés, nós imos ser un equipo e eu serei quen o lidere. Estarei para aportar ideas e para moverme nas consellerías para conseguir os cartos, o cal non quere dicir que non vaia estar no Concello. Hai unha especie de mito de que co grupo estamos tocando por aí sempre, pero hai avións, de xeito que podo ir a Holanda na fin de semana e o luns estar en Catoira. Iso vai ser algo que me vai axudar porque me permite ver o que se fai por Europa e polo mundo. No século XXI faise outro tipo de política, sen tanto ladrillo e formigón, e o seguir viaxando vai ser moi bo para min e para Catoira. -Chega á política municipal pola porta grande. -Ben, en 1979 fun coa candidatura independente da que saíu alcalde Andrés Castaño e xa daquela foi tamén Alberto García. Ou sexa, que Alberto leva de concelleiro en Catoira 28 anos. Xa lle deu ao Concello o que lle tiña que dar, agora o único que persegue é perpetuarse na alcaldía. -Si pero agora é o número un da lista. ¿Quen convenceu a quen, o BNG a Nando ou Nando ao BNG? -Convenceume o BNG a min, sempre que había eleccións mo propoñían. Pero por razóns persoais, máis que artísticas, sempre dixen que non. Xa nas pasadas eleccións empezamos a ver que a política municipal estaba moi viciada. Faltaban certos valores como a tolerancia, a ética, o respecto á discrepancia, faltaba hixiene democrática. O señor García empezaba a facer non só uso do poder, que é lexítimo, senón un abuso do poder. Entón impliqueime moito e todos me pedían que dera o paso, e logo de pensalo moito, de comentalo coa miña familia e cos compañeiros de grupo (Milladoiro), todos me animaron. Fágoo co respaldo unánime de todos. -¿Vai facerse militante? -Non descarto nada. Aínda que non sexa militante, todo o mundo me vincula co BNG porque é o partido no que encaixa o compromiso coa cultura, co idioma e co país. -Non é o primeiro gaiteiro que se implica no proxecto nacionalista, ¿isto é casualidade ou ten unha razón? -Ten unha razón. Cando es un gaiteiro concienciado tes que saber que estás tocando un instrumento que é o emblema do país. Eu son unha persoa universalista, pero universalista de Galicia, e non estou disposto a renunciar á nosa música, a nosa cultura e ao noso idioma. Como dicía Mayor Zaragoza, hoxe case ser progresista en algúns sitios é ser nacionalista, porque significa defender o minoritario, estar en contra da globalización salvaxe. -O Bloque pasou no 2003 de dous a catro concelleiros, pero segue a dous da maioría. Vai ter que sacar votos de todas partes ¿tamén do PP? -Preséntome para todos os veciños de Catoira. Tanto no PSOE como no PP supoño que van recibir moitos votos de castigo. A xente progresista de Catoira se non votan por nós entón é que son albertistas: hai dúas opcións, ou Nando Casal alcalde ou Alberto García apoiándose en Sindo Costa. Estou seguro de que vai a haber moita xente que nos vai dar a maioría. Cun goberno presidido por min chegariamos a ser o Allariz das Rías Baixas -¿Que vai pasar con Pepe Castaño, vai ir na lista? -Vai ser unha persoa importantísima. Tivo a xentileza e a elegancia de dicirme que teño as mans libres para facer a candidatura e teño que dicir que o grupo municipal fixo un traballo impresionante, aínda que houbo xente que lles pedía que foran máis duros. Pero é moi difícil facer as cousas contra dous partidos que son dous pesos pesados e cos propios medios de comunicación, que axudades aos poderosos. Nós presentámonos como alternativa para gobernar e iso obriga a ser moi responsable. -Non hai espazo para falar de todo pero hai unha referencia ineludible. A Romaría vikinga ¿que plans ten para o estandarte de Catoira? -Efectivamente o gran escaparate de Catoira é a Romaría vikinga e ninguén pode dubidar de que a persoa máis capacitada e informada para facer unha gran Romaría vikinga son eu. Foi algo que sempre lle reprochei a García. Tendo eu tantos relacións no mundiño da cultura, que tivera a soberbia de non facerme nin un so comentario. A miña idea é facer unha semana espectacular e converter Catoira no centro das Rías Baixas, facendo unha ponte entre Fonte Gaiteira e As Torres. Prefiro que veñan 2.000 persoas cada día que as 20.000 nun domingo a comer un bocadillo.