Crónica | «La Cenicienta» de Carmen Roche A historia desa fermosa moza que malvive coa madrastra e que finalmente atopa ao seu príncipe azul verase mañá en Vilagarcía, pero desde unha nova perspectiva
01 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.A cita é mañá, ás 18.00 horas no auditorio municipal de Vilagarcía e está aberta para todos os públicos. La Cenicienta del Ballet de Carmen Roche presenta a unha moza soñadora, alegre e divertida, capaz de cambiar a súa propia sorte. A obra, en palabras da directora da compañía, Carmen Roque, está chea de orixinalidades que dotan ao espectáculo de frescura e bo humor. A coreografía é de Tony Fabre e a música de S. Prokofiev, con guión e adaptación de Olga Margallo. A posta en escena é apoiada por vídeoproxeccións nas que os nenos son os principais encargados de conducir o público a través deste clásico conto de Perraul. A montaxe enmárcase nun programa de ballet para toda a familia, que pretende crear novos afeccionados ás artes escénicas en xeral, e o ballet, particularmente, mediante a programación de espectáculos atractivos para públicos de todas a idades. O reparto está formado por Alessandra Rusciano no papel de Cenicienta, Samuel Deniz, como Príncipe, Berta Secall como madrastra, Liuva Horta, Ana Ponde como irmás e Ron Peri como mestre de danza. O corpo de baile está formado por Fran Alonso, Blanca Álvarez, Ana Baigorri, Daniel Fajardo, Urania Lobo, Vanesa dos Santos e Matthias Strahm. As entradas custan entre 15 e 11 euros dependendo da zona de butacas e pódense adquirirse a través de www.caixanova.es, no número 902504500 e o mesmo día do espectáculo na taquilla.