A ACP acepta a oferta de integrarse no PSOE de Cesures con Sabariz como cabeza de lista

Bea Costa
B. Costa VILAGARCÍA

AROUSA

27 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A integración da Agrupación Cidadá de Pontecesures (ACP) no PSOE está cada vez máis preto. A agrupación independente acordou onte á tarde aceptar a oferta dos socialistas, que inclúe incorporarse á disciplina socialista -polo tanto disolverse como grupo político- e situar ao seu portavoz municipal, Luis Ángel Sabariz Rolán, como cabeza de lista do PSOE. A pelota está agora no tellado dos socialistas que deberán empezar xa a tomar decisións. A cuestión e que o ofrececemento a Sabariz chegoulle do secretario comarcal Juan Froján, e está por ver que a agrupación local acepte estas condicións do pacto político. O que está claro é que a dirección do PSOE quere relevar ao actual portavoz municipal Óscar Gerpe e a súa aposta pasa por un veterano na política local como é Sabariz Rolán. Pero aínda pode haber moita historia por escribir pois mañá reúnese a executiva para falar do asunto cun Óscar Gerpe que esta semana aínda non daba por descartada á posibilidade de presentarse ás eleccións. O feito de que sexa Sabariz o home elixido para substituílo pode ser, ademais, outros motivo de disensión interna entre as bases a dirección do partido. Os independentes decidiron dar o paso porque consideran que a integración pode ser «positiva» para Pontecesures no obxectivo de acabar coa fragmentación política que hai neste concello e que está a condicionar a gobernabilidade desde hai anos. De materializarse este acordo político será a primeira vez que Sabariz entra na disciplina de partido pois toda a súa traxectoria municipal, tanto desde goberno como desde a oposición, foi sempre en calidade de independente. Condicións Unha das condicións que porá a ACP para integrarse no PSOE será a incorporación da súa xente á futura candidatura; entre seis e sete persoas, indicaba onte Sabariz, entre as que se situaría Alfonso Diz. Segundo informou Sabariz, a decisión de disolver a ACP foi tomada por consenso e xa matizou que en caso de non saír adiante a alianza, o que é seguro e que se presentarán ás eleccións de maio. Sexa cunhas siglas ou outras, Sabariz volverase a atopar como rivais políticos a Luís Álvarez Angueira no BNG e a Maribel Castro por Independentes por Pontecesures. O candidato do PP aínda é unha incógnita e todo indica que deberá dirimirse entre o presidente local Rafael Randulfe e o portavoz municipal Ángel Souto Cordo.