O pombal
17 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Os directivos do club de baloncesto feminino Extrugasa, de Vilagarcía, invitaron onte ás súas xogadoras e aos medios de comunicación a un xantar para festexar a boa marcha do conxunto, que ocupa o cuarto posto na clasificación, pelexou dignamente na Copa da Raíña e na última xornada esnaquizou ao Celta en Fontecarmoa. A comida tivo lugar no restaurante Acebo, no Rial, e o menú foi digno das campioas que son as rapazas do Extrugasa: ensalada, espárragos trigueiros con touciño, rape e lechazo. Un grupo nutrido e diverso O presidente do Extrugasa, Andrés Quintá , invitou a todas as xogadoras do club ao xantar. Tamén ao equipo directivo e aos representantes de todos os medios de comunicación con presenza na comarca. Á mesa sentáronse José Gayoso , vicepresidente deportivo do equipo, o adestrador, Víctor Lapeña , o preparador físico, Jordi Aragonés , e o delegado, Alberto Gil , entre outros. Sen discursos O xantar foi do máis amigable e cordial. Non fixo falta que ninguén fixera un encendido discurso á trintena de persoas que se reuniron no restaurante, xa que a situación do club é histórica. Ocupan a cuarta posición da táboa e por primeira vez na súa historia teñen como obxectivo clasificarse para o play off que dá dereito a loitar polo título. De logralo, as vilagarciás marcarían un fito moi difícil de superar. Este domingo, as 12.30 horas, xogarán en Ibiza un novo encontro. Sen dúbida que as pupilas de Víctor Lapeña irán coa moral moi alta pola súa traxectoria esta tempada. Son a elite do deporte arousán e iso xa ninguén o pode cambiar. Bo proveito e boa sorte para as próximas citas deportivas.