Día de regalías para algúns

La Voz

AROUSA

O pombal O 15 de xaneiro resultou proveitoso, para uns máis ca outros. En Vilanova déronse a homenaxe cos callos de San Amaro e en Vilagarcía repartíronse premios e viaxes

15 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A San Amaro se lle pode render homenaxe desde a igrexa ou desde os bares e onte houbo de todo en Vilanova. Festivo local, o día prestábase para cumprir co divino e co humano así que houbo quen primeiro foi á misa e á procesión e logo deuse o gusto de meter no corpo unha tapa de garavanzos con pata de porco e chourizo. Eses xa teñen gañado un anaco de ceo. Outros poderán seguir tentándoo o vindeiro 15 de xaneiro, porque a única visita que fixeron onte foi á taberna. Nós achegámonos á de Valle, onde o arrecendo a callos xa chegaba desde a porta. Cheiraba a callos nos bares, cheiraba nas casas e cheiraba na rúa porque, un ano máis, houbo carpa de degustación na praza da igrexa parroquial. O día non podía estar mellor. Sen choiva pero gris e frío, que é como mellor sentan as sopas na cunca. Os que non van ter frío van ser os 31 veciños de Vilagarcía que marchan de viaxe nesta primeira quenda do ano. Uns acoden preto de Estoril (Portugal) e outros buscan co soliño en Arrecife (Lanzarote). Grazas ao Imserso e ao Concello, que colabora no financiamento, a viaxe sáelles moi baratiña: 157 e 215 euros, respectivamente, e iso inclúe oito días en réxime de pensión completa e os traslados. Un choio só apto para xubilados. Eu xa me apuntaba pero aínda haberá que agardar un pouquiño. Algo máis que o concelleiro Alejandro Quintela que, á espera de coller as vacacións perpetuas, confórmase con repartir viaxes entre os seus veciños. Como edil delegado da Terceira Idade tocoulle entregar onte os billetes, e a Quintela víaselle encantado. Xa o dixo el: de todos os cometidos que ten no Concello, os máis gratos están sempre relacionados con este departamento. ¡Canto máis gratificante non é dar alegrías aos vellos que estar pendente das desgrazas que moitas veces lle anuncian os de Protección Civil polo móbil! Estamos de acordo Alejandro. E algo que tamén se presupón grato, como é recoller os 3.000 euros de premio do sorteo de Nadal de Zona Aberta, converteuse onte para a agraciada, Carmen Otero , nun calvario. A veciña de Vilagarcía non esperaba ver tanta cámara nin tanto xornalista no acto e púxose moi nerviosa. Nada muller, isto todo é costume, mira senón Sofía Beiras , a presidenta, que ben o leva. Outros quixeran poder saír na foto e levarse os vales de compra. Aínda nos queda a esperanza. O terceiro premio, de 1.000 euros, segue sen aparecer.