A música soa en toda a comarca

La Voz

AROUSA

O pombal Catro bandas ofreceron outros tantos concertos en Meis, Ribadumia, Valga e Cambados; neste último os músicos despediron ao seu director, Luis Costa

30 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A banda de música de castrelo ofreceu onte o derradeiro concerto do ano no auditorio da Xuventude. Pero non foi un concerto calquera, foi ao mesmo tempo, unha homenaxe de despedida a quen foi, perante un lustro, o director da agrupación. Luis Costa, que se puxo ao frente da banda nun momento de crise e foi quen de reflotala, vaise por motivos profesionais, xa que é agora o director do conservatorio profesional de Pontevedra. Por iso, ao final do último concerto co músico cambadés levando a batuta, os seus compañeiros lle fixeron unha sentida homenaxe. Con algunhas caras coñecidas de espectadores, como Adela Leiro, Antonio Pillado ou Víctor Caamaño, o presidente Carlos Carrión e o veterano Currás agasallárono cunha maqueta dun palco de música e unha placa dunha batuta de prata. Carrión aproveitou o momento para recordar a figura do xa falecido Angelito , alma mater da banda e un dos culpables de que Costa adicara a súa vida á música. O director foi un daqueles alumnos que hai uns trinta anos, cando non había medios nin cartos, acudía ás clases de música de Angelito en Castrelo. Por iso Carlos Carrión reflexionou ao final do concerto sobre o orgulloso que se sentiría de ver ata onde chegou un dos seus alumnos. Non sería para menos, xa que nestes cinco anos Luis Costa dirixiu a algún dos compañeiros cos que aprendeu as primeiras notas. Fin de Ano musical Non foi con todo o único concerto que se ofreceu onte na comarca. Semella que antes do rebumbio da noite tola de Fin de Ano apetecen outro tipo de sons máis acompasados. E iso foi o que outras tres bandas ofreceron na tarde do sábado aos veciños da comarca. En Meis, o programa navideño incluía un concerto da banda A Vertula de Paradela que tivo lugar no centro multiusos. A banda de música de Ribadumia, pola contra, tiña previsto ofrecer un recital no centro social de San Andrés, en Barrantes, e en Valga, os veciños estaban convidados a outro concerto da banda municipal no centro multifuncional de Cordeiro. Hoxe, na comarca, serán outros os que darán a nota.