Novos camiños

AROUSA

AREOSO | O |

29 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

POUCOS CARTOS e sensibilidade medioambiental é o único que fai falla para sacarlle partido ao patrimonio natural e paisaxístico da comarca. A senda peonil entre Bamio e Carril presentada onte en Vilagarcía é un bo exemplo. Non descubro nada se digo que en Arousa somos uns privilexiados, a pesares de que os nosos montes son menos verdes desde agosto e de que os sumidoiros seguen emporcallando o mar e os ríos. Con todo, temos currunchos dabondo cheos de encanto que debuxan unha terra marabillosa, e que aínda é descoñecida para moitos. Amosala pode ser unha boa maneira de reconciliar á xente co seu entorno e obras como as feitas nas rutas dos muíños de Meaño, Meis e Ribadumia ou na batería militar de San Vicente de O Grove axudan. Non é cuestión de levar o coche ata a ribeira, pero si de abrir vieiros -que non teñen que ser de asfalto- para apreciar unha paisaxe que non lle desmerece en nada ás estampas máis bucólicas. Os paseos de Catoira e Vilagarcía abren unha nova fiestra ao Ulla e un novo aliciente para botarse a andar. Ese debería ser o camiño.