O pombal Zona Aberta organiza actividades para que os cativos non se aburran mentras Unha Grande Chea celebraba con moito éxito unha homenaxe a Ramón Cabanillas
26 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Para evitar que os cativos se aburran durante as vacacións de Nadal, os concellos celebran todo tipo de talleres e actividades. No inverno, unha tarde na casa pódese facer moi longa para os pequenos. E as ludotecas convértense nunha opción máis que axeitada para espantar o aburrimento ao tempo que se aprenden todo tipo de actividades. Dende a facer xoguetes con cousas recicladas, ata a xogar a xogos de toda a vida. En Cambados, Vilagarcía, Ribadumia... os cativos non se van aburrir estas vacacións. Na capital arousán a iniciativa lévase a cabo en colaboración con Zona Aberta. Todas as tardes, os cativos poden pasar un bo rato xogando, facendo manualidades ou participando nos obradoiros de Nadal. Cinco monitores estarán pendentes en todo momento de que os pequenos non sufran ningún percance nesta zona de ocio. E así, os pais poderán facer tranquilos as súas compras e enviarlle as súas maxestades as peticións dos máis pequenos, que a noite de Reis está á volta da esquina. Pero nestas datas de Nadal tamén hai opcións para que os maiores, os que teñen vacacións claro, poida saír da casa. Unha das máis exitosas foi a homenaxe a Cabanillas que renderon os integrantes de Unha Grande Chea, a comparsa cambadesa por excelencia. O acto tivo lugar o pasado venres no auditorio municipal e todos os asistentes están de acordo en que o poeta da raza sentiríase moi querido no seu municipio se puidese telo presenciado. Música, recitais, charlas e ata unha proxección compuxeron un programa que espertou, en máis dunha ocasión, o aplauso do numeroso público presente no auditorio. Reivindicacións O presidente da comparsa, Salvador Cores , foi o encargado de inaugurar os discursos cunha conferencia amena e divertida. E o académico Francisco Fernández Rei aproveitou a ocasión para pedir unha fundación para o poeta cambadés.