Cancións para un Nadal verdadeiro

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Reportaxe | Presentación do libro-disco «Quiquiriquí» Hai un Nadal de plástico, catódico, televisivo. E un Nadal auténtico, enxebre, sincero, que vén de escolmar para todos a Asociación de Gaiteiros

20 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?uiquiriquí no é só a onomatopea do canto do galo, un dos símbolos por excelencia do Nadal. É, tamén, un sobranceiro traballo que vén de desenvolver a Asociación de Gaiteiros Galegos e cobra forma nun libro-disco imprescindible. Nestes tempos confusos, nos que as raíces de tantas cousas esvaecen como brétema ao mediodía, Quiquiriquí axuda a comprender un momento fundamental do calendario festivo tradicional, que en Galicia acada xeitos de expresión propios, xenuínos e moi particulares. A obra fala doutro Nadal, anterior aos gingles , aos señores grosos de barba branca que unha multinacional vestiu de vermello e aos anuncios catódicos. Dun Nadal participativo, con contido e sentimento. E, por suposto, con música. «Quixemos recoller o rebulir da cultura popular no ciclo do Nadal pensando no público infantil, nos mestres e nos pais», explica Paulo Nogueira, un dos produtores artísticos de Quiquiriquí . De aí a necesidade de encetar varios formatos nunha única entrega. Hai, xa que logo, un CD no que participa unha chea de xente. «Ata 62 músicos, xente do mellor para formar unha galería do que hoxe é a música tradicional galega», engade Magoia Bodega. Dende Ultreia a Uxía Senlle, Pilocha ou o Orfeón Treixadura, Malvea, Miguel Costas, Antón López ou Tino Baz. Os nenos poderán coñecer non só as panxoliñas, os aninovos, os nadais e as pedidas de aguinaldo, senón tamén aos homes e mulleres que fan para eles estas músicas. O CD incorpora tamén partituras, letras, un xogo de flash para descargar no ordenador e mesmo playbacks , para que os pequechos poidan cantar acompañados polo son dos instrumentos. Canto ao DVD, velaí máis de hora e media de gravación. Un pequeno docufilme no que un avó e os seus netos -Xoán e Iolanda- percorren Galicia en sidecar, parando aló onde hai unha manifestación significativa do noso Nadal, constitúe o seu eixo central. Pero hai máis. O clásico making off , unha entrevista a dous vellos regueifeiros de Boimorto, que explican como era a celebración que eles vivían cando pícaros, un videoclip promocional, tomas falsas e outro playback . A armazón teórica vén dada no texto, da man de Carlos Rey, Baldomero Iglesias e Xosé Luis Rivas. O libro detense no ar infantil das panxoliñas, nos cantos para recibir a un novo pequeno, na pedida de aguinaldo das roldas de mozos, nos nadais propiamente ditos, ou nas cantigas de reis. Mais, como calquera outra manifestación cultural, a música por si soa non é máis que un exercicio estético. Comprendela en todo o seu sentido esixe mergullala no resto de prácticas que rodean o Nadal. E, así, Quiquiriquí guía ao lector ao longo do ciclo de doce días do vello Nadal e prácticas que aínda se manteñen vivas en puntos determinados do país, algunhas con meirande vixencia que outras. Fala dos colares de castañas cocidas que comían e pelexaban os pequenos, da misa do galo. Das felicitacións de Pascua que os veciños do Sixto celebraban logo de cear. Do tizón de Nadal que ardía na lareira dende a Noiteboa ata a Noitevella. Ou da ducia de pedras do sal que no derradeiro día do ano puña o petrucio da casa no forno máis próximo para organizar o calendario de traballo do ano novo. Esta pequena enciclopedia de saber e lecer antigos pode adquirirse nas librerías e as tendas de música de Vilagarcía, Cambados e a bisbarra do Salnés. O seu prezo, 16,95 euros, e a súa propia creación non serían viables sen o apoio de institucións como a Xunta, a través da Consellería de Cultura, a Universidade de Vigo ou entidades como o Xacobeo. Así que, postos a pensar en agasallos, ¿é que alguén pode dar máis?