Unha arousá con moi boa voz

La Voz

AROUSA

O pombal

18 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Yaísa Beloso é de A Illa e ten tan só 16 anos pero atreveuse cun tema como Regresa a mí, de Il Divo, e con El sueño, de Rosa e Chenoa, na proba de voz que onte realizou para o novo concurso que prepara a Televisión de Galicia, dirixido a buscar os novos talentos musicais e que comezará a emitirse a comezos do vindeiro ano. «O que máis me custou -di tras pasar os nervios do cásting- foi cantar en galego. Iso e os nervios...». E iso que xa ten experiencia. Con catorce, chegou ao cásting final de Eurojunior en Barcelona, xunto a outros 41 mozos de todo o país. «Quedeime ás portas porque púxenme moi nerviosa cas cámaras, pero díxenme que non me ía pasar máis», recorda. Pero ten claro que se desta non a seleccionan, volverá probar sorte nunha futura edición de OT. «De momento, non podo porque non teño 18». Onte, durante a espera, estivo acompañada pola súa nai, que foi quen lle ensinou o recorte do xornal co aviso da proba. O centro comarcal do Salnés foi onte escenario da inauguración de Nazón de Breogán, un xeito de soñar Galicia, unha mostra na que se fai un percorrido polos feitos máis singulares da historia do país. Os paneis que compoñen a exposición van dende a cultura castrexa á aprobación do referendo do Estatuto en 1936. O secretario xeral da Vicepresidencia, Antón Losada, e o director xerente da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal, Emilio Martínez Rivas, foron os encargados de abrir esta mostra que será visitable ata o vindeiro día 27.