O pombal Xa case case aloumiñamos o Nadal: aos nenos multiplícanselles as propostas de ocio mentres agardan polos regalos e as iniciativas solidarias xermolan por todas partes
14 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Quen non goce co Nadal xa se pode ir preparando, porque lle esperan unhas semanas ben complicadas. Segundo se di, son moitos. Segundo parece, son menos dos que se di. Porque, ao final, todos acabamos caendo e debuxando un sorriso cando vemos as caras dos nenos ou cando compartimos un momento agradable coa familia. Pasatempos para os nenos Que xa están aquí sábese por moitas cousas. Ademais do bombardeo televisivo e das luces de Nadal, sábese tamén porque volven outra vez as propostas lúdicas para os máis cativos. En Cambados, por exemplo, xa están en plena faena de obradoiros de Nadal, como se ve con estes rapaces que fan manualidades en Corvillón. En moitos lugares xa comezaron as actividades. Noutros farano nos próximos días. Miles de propostas terán os nenos estes días para divertirse mentres agardan por Papa Noel ou polos Reis Magos. Con estas actividades, os Concellos axúdanlles a facer máis fácil a impaciente espera polos regalos. Solidariedade Pero se os nenos son os auténticos protagonistas destas datas e os que máis gozan con elas, a solidariedade é unha das súas características máis recoñecidas. Por exemplo, os do clube Rasoeiro do Grove están preparando unha campaña para axudar aos máis necesitados. E se os rapaces son os reis do Nadal, a eles vai dirixido o seu esforzo. Coa colaboración da asociación O Grove Érguete, recollerán xoguetes entre todos os deportistas do clube e as súas familias, para que despois se distribúan a través da Cruz Vermella. E mentres o deporte xa pensa no Nadal, o Concello non queda atrás. Onte comezou no Grove a programación cultural preparada para estas datas. Un concerto de panxoliñas na casa de cultura foi o entrante dun variado menú de actos que continuará nos próximos días.