O consello saínte negocia a presentación dunha lista única no Salnés Duarte Correa podería liderar de novo un equipo de carácter integrador, se prospera a idea
12 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.?s afiliados do Bloque Nacionalista Galego no Salnés teñen xa unha data na que pensar á hora de renovar a estrutura da súa formación no eido. A asemblea, consecuencia directa do conclave desenvolvido hai doce días en Compostela, celebrarase o vindeiro día 19 e concluirá coa elección dun novo consello comarcal, que dará o relevo ao equipo que leva tres anos á fronte da organización. Relevo ou continuidade matizada, xa que os membros do consello saínte apostan por repetir a fórmula que funcionou no 2003: a presentación dunha lista única, que integre ás distintas sensibilidades que operan baixo as siglas do BNG. De prosperar, a proposta situaría probablemente ao actual responsable comarcal, Duarte Correa, membro da Unión do Povo Galego, como número un, para completar un equipo de representación paritaria. Once dos seus membros serán elixidos na propia asemblea, mentres que outros dez postos corresponderán aos responsables electos das dez agrupacións municipais que constitúen a demarcación arousá do Bloque. As negociacións para acadar esa lista única ten visos de prosperar, dado que non se albiscan na bisbarra enfrontamentos profundos entre as diferentes correntes do BNG, como si se dan, en troques, no eido galego. De calquera xeito, tampouco é descartable a presentación dunha candidatura alternativa. De feito, o prazo para facelo aínda está aberto