Valga saca adiante as súas contas para o vindeiro exercicio por valor de 5.242.000 euros

La Voz

AROUSA

29 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A conxuntura en Valga é ben distinta á que vive o municipio veciño e aquí xa teñen aprobado o orzamento para o 2007, por valor de 5.242.000 euros. Unha cantidade maior que a correspondente ao actual exercicio e que destina as principais inversións a obras de saneamento. No orzamento deste ano tamén se reservan cartos para acometer unha das obras nas que máis empeño está a poñer o goberno local nos últimos tempos: o museo da historia local e de La Bella Otero. O orzamento foi aprobado cos únicos votos do grupo de goberno do Partido Popular. O Bloque Nacionalista Galego votou en contra e o concelleiro do PSOE evitou non pronunciarse ao respecto. O pleno celebrouse o luns e con menos quórum do habitual, pois algúns concelleiros estaba ausentes debido ás choivas que anegaban a esa hora o municipio. O alcalde chegou a pensar en suspender a sesión, pero finalmente, e tendo en conta que presentáronse todos os membros da oposición, decidiuse a levalo a cabo debido á importancia dos asuntos a abordar. A orde do día tamén incluía a proposta da Comunidade de Montes de Cordeiro de comprar uns terreos (aproximadamente 1.300 metros cadrados) situados o carón do centro multiusos. O Concello asume os costos desta operación e os comuneiros se comprometen a construír un aparcamento para darlle servizo ao centro social. O acordo tomouse co apoio do PP e BNG. O concelleiro socialista Ramón Fontenla votou en contra. Permuta de terreos Noutro asunto abordado tamén no pleno, o socialista preferiu non pronunciarse, seguindo a liña que mantén a miúdo. Trátase dunha permuta de terreos pola cal o Concello adquire unha finca privada que permitiralle ampliar a entrada da rúa Baixa. O propietario recibe, a cambio, outra parcela de titularidade municipal sita a poucos metros. O punto foi adiante cos votos do PP e BNG. O pleno da corporación tamén aprobou a adhesión do Concello de Valga ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.