O pombal Non saben de temporais nin de catarros. Pero si moito de xogar, que é o que lles vai a todas horas. Vilagarcía e A Illa ofreceron onte alternativas a cuberto para os pequechos
25 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Caen chuzos de punta, choiva a caldeiros, pedrazo frío ao baixaren as temperaturas. Mais, ¿quen lle explica os inconvintes de exporse aos enrabechados elementos a un pequeno de tres, catro, cinco anos? Logo dunha hora na casa, logo de que a televisión xa amola, os pícaros son como pequenas feras na súa gaiola. Esta xentiña precisa xogar e esgotar as pilas cargadas coas que se erguen cada día. Todo un problema, cando o que hai fora é vento e treboada. Menos mal que hai quen pensa con certa lóxica e, alomenos onte á tarde, os pequenos illáns e vilagarciáns tiveron unha oportunidade de gozar a cachón malia a humidade da xornada. No pavillón de deportes do instituto da Illa houbo, de feito, invitados especiais. Nada menos que os Tweenies, eses catro fenómenos británicos que cada día saúdan dende o televexo e respostan aos nomes de Bella, Milo, Jake e Fizz. Acompañados polos seus fieis cans, Doodles e Izzles, e de cando en vez tamén dos seus mestres, Max e Judy, ou do seu avó, fixeron voar a imaxinación dos pequerrechos. Cousas de Xabarín Entrementres, Fexdega aportaba o seu gran de area ao non sempre doado obxectivo de entreter aos pícaros. Festiferia, a feira das festas, ofrece aos nenos toda unha serie de xogos para brincar neles ata o esgotamento que tanto agradecen os pais, sobre todo en forma de soneca. Hai, ademais, un atractivo engadido na oferta do recinto feiral. A posibilidade de coñecer a nova xira do Xabarín Club, dende o posto que o enxebre porco bravo atende alí mesmo. Hoxe continúa a programación, ollo.