Os concellos abren foros para aprender a ser tolerantes

Begoña Paso VILAGARCÍA

AROUSA

En dous minutos | Actividades en Vilagarcía e Cambados Falando enténdese a xente e iso é o que van facer hoxe en Vilagarcía nunha charla con inmigrantes. En Cambados a mensaxe vai dirixia aos máis cativos

16 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A celebración do Día internacional da tolerancia propicia a celebración de varias actividades na comarca. En Vilagarcía a cita é para hoxe e consiste nunha charla-coloquio organizada coa participación de emigrantes retornados e inmigrantes. O obxectivo é facer un chamamento á opinión pública e poñer de relevo os perigos da intolerancia e da educación a favor desta. A actividade, organizada pola concellería de Educación, está aberta a toda a poboación, aínda que se dirixe de xeito particular a nenos e mozos para que coñezan de preto as experiencias de persoas emigrantes e recapaciten sobre o tema do respecto aos demais. O acto comezará cunha presentación e a continuación os poñentes exporán as experiencias acadadas na súa vida: dificultades e vantaxes no cambio de residencia, motivos para saír do seu país, diferenzas con respecto ao seu país de orixe, entre outros aspectos. Finalmente abrirase un coloquio dirixido e moderado polo xornalista Eloy Magariños no que se poderá producir un intercambio de ideas, opinións e experiencias. A concellería de Educación púxose directamente en contacto cos centros de ensino do municipio para informarlles da realización da actividade e promover a participación e asistencia dos estudantes. En Cambados será mañá cando teñan lugar as actividades relacionadas co Día da Tolerancia e consiste nun encontro infantil na Praza do Concello. Os monitores realizarán, coa colaboración dos nenos asistentes, unha exhibición de danzas do mundo. Ademais, organizarase unha serie de xogos cooperativos orientados a fomentar a participación e a tolerancia entre culturas. A actividade, organizada polo departamento de Cultura do Concello, terá lugar de 16.30 a 18.30 horas, trasladarase ao centro de A Mercede en caso de choiva. Vilagarcía. Hoxe, no auditorio (20.00 horas) Cambados. Mañá, na Praza do Concello (16.30 horas).