Entre estudantes anda a cousa

La Voz

AROUSA

O pombeiro Alumnos franceses están de intercambio por Vilagarcía e os vilagarciáns saen das aulas para visitar a exposición «Galicia, conservando a natureza». ¡Canto xoven solto!

14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Desculpen a nostalxia pero e que de tanto andar entre rapaces, a unha lle entra a morriña dos anos de instituto. Tempos aqueles nos que as preocupacións eran máis liviáns e as ilusións aínda non romperan. Pero crecer tamén ten as súas vantaxes, sobre todo o de poder contalo. Pero deixemos as reflexións e imos ao allo porque do que se trata é de contarlles a moita actividade que Vilagarcía acolle estes días grazas aos estudantes. Os institutos Fermín Bouza Brey e Armando Cotarelo Valledor volven a estar de intercambio co College Victor Segalen de Châteaugiron, da Bretaña francesa. Xa van cinco anos consecutivos así que os alumnos e mestres xa poden sentirse en familia. Por de pronto, o domingo dedícase á «xornada coas familias», por certo, o único día no que os teñen xornada libre. O programiña de actividades é ben intenso. Desde que chegaron o luns por la tarde ata que marchan o día 23 de novembro, a delegación francesa non para. Onte pola mañá tiñan programadas visitas a Carril, ao museo do ferrocarril e o centro de interpretación da ría ademais da habitual recepción no Concello á unha, co alcalde Javier Gago e o concelleiro de Cultura, Roberto Araújo . Xa saben que en Ravella coidan moito o protocolo e non perden detalle. Hoxe visitan os pazos e en vindeiros días irán de excursión a Pontevedra, o Camiño de Santiago e A Coruña, entre outros moitos sitios. Todo elo sen esquecer as clases, que non é cousa de descoidar os libros nin o tema que apadriña este ano o intercambio: as enerxías renovables ou Les énergies renouvelables, segundo para quen. Os 28 rapaces franceses volven o 23 a súa terra e os alumnos dos institutos vilagarciáns, 32, irán á Bretaña do 17 ao 29 de marzo. Haberá ocasión de contalo. Agora á materia xa non lle chaman naturais porque nos programas de estudos prefiren falar de coñecemento do medio ou de ciencias a secas. Da o mesmo. Do que se trata é de aprender sobre a natureza, e aprendendo é a mellor maneira de apreciar e saber coidar o entorno. Nesas están en Vilagarcía. Ata o venres exponse na sala Caixanova (casa da cultura) Galicia, conservando a natureza, que da a coñecer os principais valores ambientais e patrimoniais que fixeron merecedores desa protección as espazos naturais da comunidade. Onte tiñan cita reservada os alumnos do Armando Cotarelo e o Concello avisa que aínda quedan algúns horarios dispoñibles. para solicitar día e hora para unha visita guiada.